Saturday 16 de November de 2024

O Concello da Pobra contrata unha nova logopedista


O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría dos Servizos Sociais, reforza o Servizo de Atención Temperá do Centro de Atención Integral á Discapacidade coa contratación dunha nova logopedista. A dita profesional incorpórase ao cadro de persoal composto por outras dúas logopedistas, unha pedagoga (con funcións de coordinación do servizo), unha psicóloga e unha animadora sociocultural.
Entre as súas funcións figura atende-los problemas da voz, fala, linguaxe, comunicación, auditivos e orais de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 6 anos, ademais de prestar apoio á súa familia e o seu contorno.
Dende a Área dos Servizos Sociais manifestan que a decisión desta contratación vén motivada ante a alta demanda existente e co obxectivo de incrementa-las prestacións para a cidadanía. Neste senso, a edil Amparo Cerecedo (BNG) cualificou como “prioritario atender neste momento a demanda que poida haber para chegar á poboación”.
O referido servizo asiste a veciñanza de Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Boiro; e durante o presente ano atenderanse aproximadamente 127 cativos e cativas.