Sunday 24 de November de 2024

A Aula CeMIT de San Sadurniño prepara varios cursos para as próximas semanas


 

A Rede CeMIT continúa coa súa programación de cursos, impartidos por razóns preventivas a través de videoconferencia. Hai algúns días comezou unha acción formativa centrada nas compras seguras a través da Internet, co obxectivo de mostrarlle ás persoas usuarias como mercar e pagar de forma segura e as maneiras de aforrar comparando prezos nos distintos portais para todos aqueles produtos que non poidamos adquirir en San Sadurniño ou noutros establecementos da comarca. Porén, desde a aula municipal indican que aínda se podería crear un novo grupo para os días 9, 15 e 16 de decembro en horario de 10.00 a 11.30h. Quen teña interese pode apuntarse a través do móbil / whatsapp 616 016 793 ou do correo cemit.sansadurnino@xunta.gal. Ademais, de cara a xaneiro e comezos de febreiro hai outras tres propostas.

Así, os luns 11 e 18 de xaneiro entre as 10 e as 11.30h. desenvolverase o curso “Uso da videoconferencia”, para aprender a comunicarse en vídeo desde o móbil, a táblet ou a webcam do ordenador. Trátase dunha introdución básica, pero fundamental para seguir calquera actividade da aula, que desde hai varios meses utiliza este medio para todas as súas accións formativas.

Os martes 12, 19 e 26 de xaneiro e o 2 de febreiro, tamén de 10 a 11.30h. e por videoconferencia, mostrarase a maneira de pedir cita previa no centro de saúde, controlar a actividade física e exercitar a memoria, por medio dun curso titulado “Saúde móbil”.

A terceira acción formativa do programa, “Uso da app Liña Verde”, está prevista para os luns 18 e 25 de xaneiro entre as 12 e as 13.00h. e ensinará como empregar desde calquera dispositivo este aplicativo posto en marcha polo Concello para notificar calquera incidencia que se produza no territorio relacionada cos servizos municipais, como por exemplo a recollida do lixo, desperfectos en mobiliario urbano, fallos na iluminación pública, etc.

Para participar en calquera destes cursos é necesario dispor de conexión a internet e tamén dun dispositivo con cámara (móbil, tableta ou ordenador), xunto co aplicativo jitsi, que pode descargarse de maneira gratuita desde esta ligazón.

A Aula CeMIT tamén informa da dispoñibilidade da Plataforma de Aprendizaxe EMA -cemit.xunta.gal/ema- que ofrece un catálogo de actividades para a autoformación que poden facerse en calquera momento e obtendo asesoramento en liña: control parental, seguridade informática, uso da tableta, uso da cámara dixital, comercio electrónico, creación de blogs, redes sociais, administración electrónica, factura electrónica, seguridade en compras dixitais, etc. Para acceder á plataforma fai falla contar con nome de usuario e contrasinal, que se pode solicitar na propia aula.

Cómpre recordar tamén que a Aula CeMIT de San Sadurniño tamén ofrece asesoramento a distancia para familias e alumnado sobre tecnoloxía no ámbito educativo.

Apoio técnico ás persoas que teletraballan
Nestes momentos hai persoas que traballan desde a casa sen ter asegurado un servizo de acceso a Internet con velocidade suficiente. Estamos no rural e, malia os anuncios da Xunta, de Telefónica e doutras operadoras, hai lugares aos que segue sen chegar o servizo ou a onde chega con moi mala calidade.

Por esta razón, desde a área de Desenvolvemento local estase estudando a posibilidade de ofrecerlles ás persoas que teletraballan un espazo por un prezo reducido -posiblemente a Casa da Xuventude- onde poidan ter asegurada unha conexión a internet con certa calidade que lles permita levar a cabo a súa actividade laboral.

En calquera caso, para poñer en marcha esta idea fai falla que as persoas que se encontren nesta situación llo fagan saber ao Concello para determinar a demanda real deste tipo de servizo. Para obter máis información ou manifestar o interese nesta posibilidade débese contactar co Técnico de Desenvolvemento local no 981 490 027 ou por correo electrónico: ignacio.fernandez@sansadurnino.gal