Saturday 16 de November de 2024

O concello destina 2,6 millóns de euros para mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética en vivendas


A Xunta de Goberno Local autorizará a reforma da contorna do mercado de San Agustín (822.579 euros), e a urbanización da rúa Rafael Bárez Vázquez (658.801euros)
A Xunta de Goberno local daralle luz verde mañá á convocatoria de axudas destinadas a melloras da eficiencia enerxética e de accesibilidade en vivendas por un importe de 2,6 millóns de euros, no marco da Ordenanza municipal de concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas aprobada en outubro.

A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que esta convocatoria reflexa a importancia que a conservación e rehabilitación de vivendas, así como a rexeneración urbana, teñen no modelo de cidade que se persegue. O Goberno local, dixo, aposta polas políticas de rehabilitación centradas neste caso na reforma enerxética e na necesidade de garantir a accesibilidade; políticas que serven tamén para reactivar a nosa economía.

Para poder optar ás subvencións, as actuacións deben permitir acadar unha redución da enerxía anual do inmoble de polo menos un 25% sobre a situación previa á actuación. Canto ás obras de mellora da accesibilidade en elementos comúns ou no interior da vivenda, daráselles prioridade a instalar novos ascensores, suprimir tramos de escaleiras, adaptar percorridos accesibles e a renovar ascensores existentes. Tamén se lle dará prioridade ás actuacións en edificios onde residan persoas con discapacidade recoñecida ou redución de mobilidade, e persoas con idade igual ou superior a 70 anos.

O orzamento distribuirase da seguinte maneira:
-1.200.000 euros para financiar as obras de mellora da eficiencia enerxética.
-1.450.000 euros para financiar as obras de accesibilidade. Distribuirase o importe asignado nas seguintes cantidades:
1.Para as actuacións en elementos comúns: 1.200.000 euros
2.Para as actuacións no interior de vivendas: 250.000 euros.

Ademais, na sesión de mañá autorizarase o proxecto de reforma e remodelación da contorna do mercado de San Agustín. A actuación, que conta cun orzamento de 822.579 euros, forma parte dos proxectos da estratexia Eidus. O plan e recolle as zonas de estacionamento regulado para persoas residentes, maiores zonas de carga e descarga e prazas de rotación, e garante a accesibilidade en todo o ámbito, xunto cun aumento significativo das zonas peonís, xa que con esta iniciativa o concello busca darlles prioridade ás areas peonís e humanizar a zona.

A reforma sirve para mellorar os espazos peonís que contarán con mellores calidades no pavimento e maior superficie. Ademais, a mobilidade peonil verase potenciada coa peonalización dun tramo da rúa entre o mercado e a igrexa de San Xurxo. Esta remodelación desenvolverase xunto a outras actuacións encamiñadas a melloraren a accesibilidade no barrio, como o proxecto de comunicación vertical entre Panadeiras e Pío XII e o plan para lle dar continuidade ao bus urbano até a rúa Sol, co fin de que o transporte público chegue até a zona do mercado.

O concelleiro de Urbanismo sinalou que o luns se realizou unha xuntanza coa asociación de veciños, as praceiras e os praceiros, e a asociación Zona Obelisco en que se lle deulle visto e prace á actuación, Na reunión, os responsables da concellaría comprometéronse a manter o tráfico rodado pola Estreita de San Andrés e Marques de Pontejos e anunciaron que nunha próxima reunión se dará a coñecer o número de prazas habilitadas para as persoas residentes e o seu emprazamento, así como as prazas de rotación e as zonas de carga e descarga.

Doutra banda, aprobarase o proxecto para reurbanizar e humanizar a rúa Rafael Bárez Vázquez por un importe de 658.801euros. O obxectivo é modernizar o barrio e mellorar a accesibilidade peonil. As obras, que foron solicitadas pola veciñanza nunha reunión coas persoas responsables municipais, consisten na renovación do pavimento deteriorado de calzada e beirarrúas, a adaptación á normativa de accesibilidade, a redistribución das áreas destinadas ao tránsito peonil e de lecer, tránsito rodado e estacionamento de vehículos. Tamén se revisará a sinalización viaria, dotarase a zona de novo mobiliario urbano e plantaranse árbores.

O Goberno local tamén autorizará a licitación dos traballos de remodelación das rúas Cultura e Pintor Francisco Lloréns que contan cun orzamento de 451.000 euros. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, explicou que con isto mellorarán a seguridade peonil e a accesibilidaden xa que se aumentará a superficie tanto para o tránsito a pé como para a estancia e goce da veciñanza.
No ámbito de Urbanismo aprobarase o proxecto das obras de iluminación pública na urbanización Breogán por un importe de 1.1139.621 euros e a licitación das obras de construción do acceso peonil ao polígono de Pocomaco desde o Birloque por importe de 403.373 euros. Estas obras están financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo plurirrexional de España 2014-2020.

Ademais, a Xunta de Goberno Local daralle o visto e prace á adxudicación do servizo de conservación e mantemento dos xardíns históricos e arborado singular á empresa Jardinería Arce SL por valor de 376.000 euros e un prazo dun ano.

Canto á Área de Benestar Social, a Xunta de Goberno Local aprobará a ampliación da prórroga do contrato para a xestión do servizo público de Axuda a domicilio adxudicada á empresa CLECE SA, e daralle o visto e prace á sinatura dun convenio de colaboración entre o concello e o Centro Social Sagrada Familia para financiar os gastos de mantemento e as actividades da entidade en 2020. E, por último, autorizará ampliar a partida destinada a bolsas para deportistas individuais que pasa de 62.500 euros a 122.500 euros, e a subscrición dun convenio coa Asociación
Academia Galega do Audiovisual para contribuír aos gastos xerais da entidade e os derivados das actividades do festival Film Commision.