Friday 22 de November de 2024

Rey presenta o ciclo “Salas abertas” cun investimento de 100.000 euros que se suma aos 300 eventos culturais dos últimos catro meses


As sete salas de concertos da cidade acollerán 21 actuacións patrocinadas polo Consorcio de Turismo nunha aposta para “dinamizar unha ferramenta imprescindible para o tecido cultural” que a alcaldesa anuncia que “terá continuidade no tempo”

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o ciclo “Salas abertas” en que sete locais da cidade ofrecerán 21 actuacións patrocinadas polo Consorcio de Turismo, que plasman unha alianza cultural que se suma ás máis de 300 que o Concello leva emprendido nos últimos meses. A rexedora sinalou que contra a crise, cómpre ofrecer máis cultura e contra o apagón, “Salas abertas”. Deste xeito, cunha partida de máis de 100.000 euros, o Goberno local reforzará de novo o vínculo que une a cidade coa música con directos que terán lugar nas salas Filloa Jazz, Filomatic, Garufa, Inn, Mardi Gras, Pelícano e Playa Club protagonizados por bandas da contorna, con estilos que van do punk ao jazz, pasando pola electrónica e o pop, e coa presenza de mulleres en primeira liña.

Á espera das determinacións que tome a Xunta con respecto da situación sanitaria da Coruña, toda a cidade poderá desfrutar do programa vía streaming, nas redes sociais e nas webs dos locais. Rey explicou que en caso de que poida entrar algo de público serán as propias salas as que tomen a decisión.

A alcaldesa confirmou que o calendario definitivo, que se comunicará axiña, terá lugar na segunda metade de decembro e a primeira de xaneiro e que a idea é que teña continuidade para seguir integrando as salas de concertos entre os reclamos turísticos da cidade e, polo tanto, “podermos traballar en común todos os anos nunha programación ou nun festival na liña deste patrocinio”.

A alcaldesa destacou que con esta iniciativa continuarán traballando a prol da cultura: “Non hai unha soa cidade en Galicia e seguramente moi poucas en España nas que a actividade cultural conte cun apoio durante esta crise como o que está dando o Concello da Coruña”.