Poderán verse tanto en Madrid como nas cidades de Coruña e de Santiago co gallo do centenario do pasamento da escritora e a celebración do Xacobeo 2021
A Xunta de Galicia e a Biblioteca Nacional de España (BNE) colaborarán no impulso de dúas grandes exposicións en 2021 arredor de dous dos principais fitos culturais que se celebrarán o vindeiro ano: o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán e o Xacobeo 2021. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a directora de Biblioteca Nacional, Ana Santos, e o presidente de Acción Cultural Española, José Andrés Torres, pecharon hoxe o acordo nunha reunión mantida na sede da BNE, onde asinaron o protocolo de actuación que guiará ambas citas.
“Galicia gaña dous aliados para promocionar a nosa cultura e tamén o Xacobeo”, declarou o conselleiro, que avanzou que serán “dúas exposicións sorprendentes, con destacados materiais e dous comisarios de recoñecido prestixio”. Sobre a mostra de Emilia Pardo Bazán afirmou que o acordo “é moi significativo nun momento no que traballamos para protexer o seu legado”. En canto ao Camiño, resaltou que poderá gozarse “dunha suma de elementos de primeiro nivel procedentes do depósito da biblioteca máis grande de España”.
“Desde logo, 2021 vai ser un ano galego na Biblioteca Nacional de España”, destacou pola súa banda a directora da BNE, Ana Santos. “Imos celebrar entre todos, como se merece, a Emilia Pardo Bazán e o Xacobeo 2021. Queremos que sexa un paseo polas coleccións da Biblioteca Nacional, que conservan a nosa historia e a nosa cultura, todo o que o Xacobeo significou e a pegada que deixou”, anunciou.
Dimensión europea e pegada en Galicia
Román Rodríguez salientou a importancia de “crear alianzas a favor da cultura” que beneficien á divulgación de figuras como Emilia Pardo Bazán, considerada a novelista en lingua española máis sobranceira do seu tempo, así como pioneira nas ideas feministas, e intelectual de primeira orde. Neste sentido, o representante autonómico celebrou que unha institución da importancia da Biblioteca Nacional vaia colaborar coa Xunta de Galicia na divulgación do seu legado mediante unha exposición pensada para inaugurarse en Madrid e itinerar, posteriormente, á cidade da Coruña.
O titular de Cultura e Educación destacou tamén que esta gran exposición, que nace coa vontade de converterse “na gran mostra do centenario”, conte coa implicación de especialistas da talla de Isabel Burdiel, catedrática da Universidade de Valencia e unha das historiadoras actuais máis recoñecidas, que ven de publicar unha nova biografía de Pardo Bazán, na que dá conta da súa figura polifacética e cosmopolita.
A mostra incluirá máis de 200 pezas procedentes tanto da Biblioteca Nacional como doutras institucións privadas. O obxectivo da iniciativa é mostrar a modernidade dos retos literarios, intelectuais, persoais e políticos de Pardo Bazán, así como a súa dimensión europea e transnacional, sen deixar de lado a súa pegada en Galicia, as relación cos seus coetáneos e a súa participación nos intelectuais e políticos da época.
Neste contexto, Román Rodríguez lembrou que a Xunta vén de publicar o expediente de incoación que inicia o procedemento para declarar BIC a biblioteca Emilia Pardo Bazán, repartida nestes momentos entre as Torres de Meirás e a sede da Real Academia Galega, e avanzou que a Xunta se envorcará o vindeiro ano “para que os galegos coñezan mellor a relevancia dunha galega como doña Emilia adiantada ao seu tempo”.
O legado xacobeo da BNE
E dado que 2021 será tamén o ano dun esperado Xacobeo, a Xunta de Galicia a Biblioteca Nacional colaborarán tamén neste eido. Ao respecto, o acordo entre ambas institucións inclúe a celebración dunha gran exposición das coleccións da Biblioteca Nacional vencelladas ao Camiño de Santiago, que tamén contará cun comisario de primeiro nivel: o compostelán Darío Villanueva, director da Real Academia Española entre os anos 2014 e 2018, que na súa longa traxectoria vén desempeñando un papel fundamental na promoción internacional do Camiño de Santiago, así como do patrimonio, tradición literaria e arte ligada a este fenómeno.
A mostra, que se inaugurará en Madrid e que se poderá ver despois en Santiago de Compostela, atenderá as moitas caras históricas e culturais que ten o Camiño a través de pezas excepcionais dos fondos da propia biblioteca, entre os que se inclúen cartografías antigas dos roteiros de peregrinación, iconografías xacobeas, carteis dos Anos Santos, o Códice Calixtino e a Historia Compostelana, guías, etc.
Como explicou a directora da BNE, neste momento un comité científico presidido por Darío Villanueva está traballando neste proxecto no que estarán representados a arte, a filoloxía, o cine ou a ciencia, entre outros. “Verase un pouco de todo o que o Camiño deixou en todas as nosas manifestacións culturais”, indicou.