A Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal organiza o obradoiro A creatividade na diversidade. Trátase dun taller de Nadal dirixido a adolescentes con diversidade funcional co obxectivo de incentiva-las habilidades sociais mediante a creación artística e atendendo a temática propia destas datas próximas. Unha decisión que se toma, tal e como expuxo a concelleira Amparo Cerecedo (BNG), “unha vez falado nós con moitos usuarios dos Servizos Sociais puidemos verificar que a situación derivada do coronavirus influíu negativamente no desenvolvemento cognitivo destes rapaces e rapazas, polo que decidimos face-lo obradoiro e a proposta de moitos deles foi realizalo en decembro debido a que son datas significativas”.
As clases impartiranse nas aulas da confraría pobrense os luns, mércores e venres do mes de decembro, en horario de 16.00 a 19.00 horas.
Os grupos estarán formados por un máximo de 6 persoas, pero, de se produciren máis inscricións, cabe a posibilidade de incrementa-lo número de grupos, ademais de ampliar e reestruturar horarios.
Debido á situación derivada do coronavirus, as clases terán límite de prazas. As persoas interesadas poden solicitar máis información a través do teléfono de contacto do Concello, 981843280, ou dos Servizos Sociais, 981832764. O prazo para se anotar manterase aberto ata 15 de decembro.
Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.