O concelleiro Juan Díaz Villoslada aseguroulle á Asociación Zona Comercial Obelisco que, tal e como apuntou a alcaldesa Inés Rey, estas obras “rematarán antes do Nadal se as condicións meteorolóxicas o permiten e que non se intervirá nas beirarrúas co fin de minimizar o impacto sobre os comercios da zona”
Este xoves o Concello reabrirá ao tráfico a rúa Santa Catalina, despois de rematar as obras de execución dun colector de pluviais e de mellorar a pavimentación da calzada e dos espazos peonís duplicando a anchura das beirarrúas existentes na devandita vía, seguindo o Plan Especial da Cidade Vella.
Desde Infraestruturas e Mobilidade informaron esta mañá á Asociación Zona Comercial Obelisco da reapertura de Santa Catalina e da continuación das obras de mellora na rede de pluviais no seguinte tramo, na rúa San Andrés até a rúa Nova.
Estas obras afectarán tanto ao carril de circulación de sentido praza de España coma nas zonas de estacionamento.
O concelleiro Juan Díaz Villoslada aseguroulle á asociación de comerciantes que, tal e como apuntou a alcaldesa Inés Rey, “as obras rematarán antes do Nadal se as condicións meteorolóxicas o permiten e que non se intervirá nas beirarrúas co fin de minimizar o impacto sobre os comercios da zona”. Ademais, “as actuacións realizaranse por fases de 25 metros e non se abrirán novos tramos sen que os anteriores estean pechados”. Ademais, destacou Villoslada, “terase especial coidado en que afecten o menos posible á afluencia de xente nos sábados peonís”.
Desde a concellería tamén informaron de que, aproveitando a realización das obras, modificarase o percorrido do autobús urbano para recuperar a parada de bus da Igrexa Castrense e o xiro da rúa Alta realizarase na rúa Sol, co fin de achegar o transporte público á zona comercial da contorna de San Agustín.