A alcaldesa, Sandra Insua, mantivo unha videoconferencia cun dos Reis para organizar a cabalgata do 5 de xaneiro, que percorrerá as rúas do municipio.
Os Reis Magos de Oriente entrarán a Galicia en barco por Camariñas no mes de xaneiro para repartir regalos e ilusións por todos os fogares. No día de hoxe a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, mantivo unha videoconferencia co Rei Melchor na que este lle confirmou que “a pesar de todo estaremos en Camariñas, temos moitas ganas de volver a vervos”.
O encontro serviu para organizar a tradicional cabalgata do 5 de xaneiro, que este ano por mor das restricións sanitarias non terá paradas nin se lanzarán caramelos pero percorrerá ás rúas do municipio. Para solucionar isto, Melchor confirmoulle á rexedora que nos próximos días enviarán as casas de todos os nenos e nenas de Camariñas “unha carta e unha bolsa de gominolas”.
Desde o Concello de Camariñas queren facilitarlle o traballo ás Súas
Maxestades polo que piden ás familias daqueles menores empadroados que non estean escolarizados en Camariñas que comuniquen a súa dirección na Biblioteca Municipal para recibir estes agasallos máxicos.
A alcaldesa, Sandra Insua, agradeceu a predisposición dos Reis Magos para manter o seu compromiso de celebrar a cabalgata “a pesar da pandemia” e asegurou que se desenvolverá “dun xeito totalmente seguro”.