O consistorio editará 500 exemplares que se poderán recoller na Casa da Cultura e na Casa do Concello a partir do 15 de decembro
O Concello de San Sadurniño volverá imprimir este ano unha tirada de 500 exemplares do almanaque fotográfico que o ano pasado, cando se publicou por primeira vez, tivo tan boa acollida. Na edición de 2021 repásanse mes a mes algunhas das imaxes que nos deixou o ano a piques de rematar e que se publicaron nos medios municipais. Son instantáneas do confinamento, da volta á nova normalidade, da actividade municipal adaptada á situación sanitaria, de paisaxes… que, en conxunto, nos lanzan unha mensaxe de esperanza e de confianza en que todo poida volver ao seu o antes posible.
O calendario recolle a mesma filosofía da edición do ano pasado, é dicir, empregar imaxes referenciais sobre o territorio ou actividades municipais desenvolvidas nos últimos 12 meses estruturadas cunha certa orde, que neste caso se corresponde case exactamente co vivido a raíz da pandemia.
Entre as 13 ilustracións da obra aparece a mensaxe televisada de Pedro Sánchez anunciando en marzo a declaración do primeiro Estado de Alarma. Outra reflicte a importancia do comercio ambulante e de proximidade durante os momentos de confinamento. Tamén se revisa a volta paulatina á normalidade -protagonizada con varias imaxes de nenas e nenos- e, ademais, resérvase espazo para a cultura, para o deporte e para un recordatorio de como lle afectou a situación á hostalaría e outros pequenos negocios locais, como por exemplo os relacionados con feiras e festas que van pechar este 2020 practicamente a cero por non poder levar a cabo a súa actividade.
Porén, ademais de lembrar o pasado, o almanaque tamén lanza unha mensaxe esperanzadora de cara ao futuro. De feito a portada recolle unha actividade da rapazada da Aldea de Verán pintando no chan un mandala -asociado nas culturas orientais á boa sorte e aos desexos venturosos- e remata en decembro coa pancarta de ánimo pendurada no enreixado do Concello, obra de Carlos García e Marina Goti.
A Concellaría de Cultura quixo que este ano as imaxes do calendario “recordasen dalgún xeito os tradicionais almanaques que sempre houbo nas cociñas con motivos da pintura clásica”, explica a titular da área, Amparo Calvo. “Impresións que moitas veces, unha vez que remataba o ano, se recurtaban e se convertían en cadros cos que encher calquera oco noutra parte da casa”.
Ademais tamén se lles trasladou aos encargados de darlle forma á edición -o fotógrafo César Galdo e o deseñador Juanlu Fernández- “que plasmasen dalgún xeito unha sensación onírica, de recordo vivo dun ano que quedará marcado para sempre na historia e na nosa cabeza”, comenta a concelleira. Por iso todas as imaxes, malia ser fotos, simulan un lenzo pintado ao óleo que reproduciu mediante algoritmos de Intelixencia Artificial o estilo pictórico de Van Gogh, elixido como acabado final pola súa carga emotiva, a viveza das cores e o volume e forza dos seus trazos postimpresionistas.
“É coma se alguén copiase as fotos con óleo e pincel, ou coma se alguén estivese presente pintando cada escena cando se quitou a foto. Ademais, aínda que se repita o tratamento dixital unha e outra vez sobre a mesma imaxe, o resultado sempre será distinto e aleatorio, igual que se o cadro estivese feito á man. Ata simula o desgaste do lenzo e as equivocacións no trazo. É incrible o que fai a Intelixencia Artificial aplicada á imaxe, pero tamén dá un pouco de medo. Dá que pensar e que reflexionar sobre os límites desta tecnoloxía que xa está entre nós”, comenta Amparo Calvo.
O almanaque poderá recollerse a partir do 15 de decembro na Casa da Cultura e na Casa do Concello ata esgotar os 500 exemplares que se van imprimir para repartilos totalmente de balde