A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo entrega esta mañá deste vehículo todocamiño híbrido co que os axentes poderán velar pola protección do medio ambiente
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo entrega hoxe dun vehículo para o corpo da Policía Local do concello de Ordes que se destinará a labores ambientais e que a Xunta financia, a través dun convenio de colaboración asinado este ano co municipio. Ao acto tamén asistiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Trátase dun vehículo todocamiño híbrido para que os axentes da Policía Local do concello poidan velar pola protección do medio ambiente e levar a cabo actuacións de prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco. A través da colaboración da Xunta, o corpo de seguridade amplía o seu parque móbil e contará cun segundo vehículo que permitirá contar con dúas patrullas operativas. Ademais, o vehículo financiado con apoio do Goberno galego é máis eficiente e menos contaminante, o que supón unha mellora de eficiencia enerxética e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.
Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para que poidan prestar servizos de calidade á cidadanía, como neste caso co obxectivo de garantir a protección ambiental.
O convenio asinado co concello de Ordes para a adquisición deste vehículo aliñase cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, ao que a Xunta destina 12,5 millóns de euros na convocatoria deste ano. No marco deste fondo, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.
A Xunta leva investidos nos últimos anos no concello máis de 974.000 euros para melloras ambientais e de infraestruturas. Moitos dos proxectos están relacionados co funcionamento da Mancomunidade de municipios da comarca de Ordes, á que o Goberno galego recoñeceu ata en cinco ocasións as súas iniciativas de xestión compartida de servizos entre concellos a través dos Premios Coopera.