Saturday 16 de November de 2024

Concello e Deputación garanten a coxestión pública do Colón


A alcaldesa e o presidente Valentín González Formoso asinaron esta mañá a prórroga do convenio de xuño, en que o organismo provincial investirá 500.000 euros anuais nun recinto, en que poderá programar eventos propios 36 días

A alcaldesa e presidenta do IMCE, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acordaron esta mañá na sede provincial darlle continuidade ao convenio de xestión do teatro Colón até o 31 de decembro de 2021, que poderá ser prorrogable anualmente. A rexedora destacou o bo entendemento entre ambas as institucións reflectido neste contrato que garante unha titularidade pública para un dos edificios máis emblemáticos da cidade. Rey remarcou o compromiso de programaren espectáculos de proximidade e en lingua galega que lles asegura ás e aos creadores locais e galegos teren un espazo no recinto e mais no momento actual, “en que debemos apoiar a cultura do
país para que se recupere do parón”. Pola súa banda, o presidente González Formoso remarcou que a relación entre Concello e Deputación deixa “un balance positivo cunha axenda cultural de calidade na que participou un amplo público”.

En concreto, ratifícanse as mesmas condicións que as asinadas no último convenio de xuño, polo que a Deputación investirá na infraestrutura 500.000 euros anuais, dos que 350.000 euros serán para que o IMCE programe e lle dea publicidade aos eventos. Cos 150.000 euros restantes, o organismo provincial encargarase do mantemento do teatro. Deste xeito, o IMCE chegará aos tres anos á fronte do Colón a través dun modelo de coxestión, en que se lle reservan 36 días ao organismo provincial para que organice eventos propios ou ben poida cederlles o uso do local a concellos da provincia e entidades non lucrativas.

Pola súa parte, o IMCE terá que aboar todo o referido a persoal de xerencia, asistencia técnica e da sala do teatro, espectáculos e actividades -incluído o mantemento do piano-, difusión e publicidade dos espectáculos, venda de entradas, limpeza e seguros das montaxes. Ademais, deberá coidar axeitadamente o inmoble, o equipamento escénico e demais instalacións. Non poderá realizar obras nin usar o recinto para fins non previstos no presente convenio.