Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame convoca o programa Lousame Concilia para as vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa


A inscrición deberá formalizarse nos Servizos Sociais de Lousame entre o 3 ao 9 de decembro
O Concello de Lousame abrirá, do 3 ao 9 de decembro, o prazo de inscrición no “Lousame Concilia”, programa de conciliación familiar que se convoca conxuntamente para os tres próximos períodos de vacacións escolares do ano: Nadal de 2020 e Entroido e Semana Santa do 2021. O Concello de Lousame ofrece 20 prazas en cada convocatoria, mentres que as familias poderán optar por anotarse nun, dous ou nos tres períodos ofertados. As inscricións deberán formalizarse nos Servizos Sociais de Lousame do 9 ao 12 de decembro.
“Lousame Concilia” é un servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 12 anos que ten lugar nos días laborables dos períodos de vacacións escolares, en horario de 9:30 a 14:30 horas, nas instalacións do CPIP Cernadas de Castro. O Concello de Lousame convoca 20 prazas para os próximos tres períodos vacacionais: Nadal (9 días: 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro; e 4, 5 e 7 de xaneiro), Entroido (3 días: do 15 ao 17 de febreiro de 2021) e Semana Santa (4 días: 29, 30 e 31 de marzo e 5 de abril).
Requisitos
Para anotarse, as familias só terán que cubrir e asinar o correspondente impreso de solicitude (que poden descargar da web do Concello), unha declaración xurada de residencia efectiva e acreditable en Lousame e presentar a última nómina ou recibo de persoas autónomas para acreditar a situación laboral. As familias monoparentais deberán achegar tamén certificado emitido pola Xunta de Galicia.
Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello de Lousame outorgará 3 puntos a todos os menores empadroados en Lousame cunha antigüidade mínima dun ano. Así mesmo, daranse 2 puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados ou con un empregado no caso das familias monoparentais. Finalmente, achegarase 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe e aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar (3.495,96 €/mes e 4.020,35 €/mes no caso de familias numerosas ou monoparentais).
En caso de empate na puntuación, aplicarase a orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello de Lousame. Así mesmo, dende Servizos Sociais lembran que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos ao “Lousame Concilia” en datas concretas, sempre que queden prazas vacantes. Para iso é preciso chamar ao 693 562 853 para reservar a praza. “Lousame Concilia” é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de

Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da
Presidencia da Xunta de Galicia.