A actuación contou con orzamento de preto de 50.000 euros.
O carril bici xa loce unha nova imaxe tras os traballos de renovación acometidos polo Concello de Cariño, que acaban de finalizar. A actuación, que contou cun orzamento de 49.504, 13 euros, implicou unha intervención na totalidade do trazado, que conta con máis dun quilómetro de longo e discorre entre a Biblioteca Municipal e a Casa do concello.
Os traballos consistiron na substitución da capa de rodadura para conseguir a uniformidade en todo o carril bici, así como a reparación das placas de formigón que presentaban fendas, e que por conseguinte supoñían un risco para os usuarios e usuarias do mesmo.
O alcalde, José Miguel Alonso, mostrouse moi satisfeito xa que considera os traballos ‘moi necesarios debido ao desgaste que presentaba este carril bici, empregado a diario por moitas e moitos veciños’, sinalou. Ademais, ‘con esta intervención temos intención de promover un tipo de transporte sostible, así como a práctica deportiva, nunha contorna idílico como o é o noso paseo marítimo’, declarou o rexedor.