Nesta fin de semana transcorreu a terceira edición das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo para divulga-la historia, a cultura e o patrimonio do municipio. O programa de actividades arrancou no sábado 28 con catro conferencias. Procedeuse primeiramente coa inauguración por parte do alcalde, Xosé Lois Piñeiro, quen definiu este evento como un “éxito tras éxito” debido ao número de persoas asistentes e ao interese amosado, o cal "demostra o interese que ten a xente por coñece-lo patrimonio, valoralo e desfrutalo. ” Así mesmo, expresou o seu agradecemento aos impulsores destas xornadas, Manuel Gago e José Carlos Vidal. Este último explicou que a iniciativa xurdiu catro anos atrás e materializouse finalmente mediante tres eixos: as charlas, a excursión e o deseño dunha lámina baseada nalgún dos asuntos abordados, que se complementan entre si e redundan na posibilidade de “ter non só unha visión máis ampla, senón tamén máis duradeira sobre os diferentes aspectos que se
traten nesas xornadas”. A proposta caracterízase así, segundo apuntou, pola diversidade nos temas, os bos especialistas nas materias e a ilustración. Deseguido foi a quenda do primeiro dos coloquios da man de Manuel Gago, xornalista e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), con Mitos e lendas da Pobra do Caramiñal. Introduciu así aquilo que reside no imaxinario, o “patrimonio inmaterial que nos conecta moitas veces con tempos moi remotos, dende antigas deusas da montaña ata os sucesos dos irmandiños hai 500 anos”.
Pola súa parte, Antonio González, director do Museo Valle-Inclán, debullou A igrexa de Santa Cruz de Lesón: 15 séculos de historia. Ao comezo da súa intervención manifestou que “é curioso como cambia a historia. Ás veces, o monumento máis recente ou que pode ter menos visibilidade ou máis humilde
materialmente, non obstante, o que está facendo é lembrárno-la parroquia máis antiga da Pobra do Caramiñal e unha das máis antigas da comarca do Barbanza”.
Posteriormente, e tras un descanso, o historiador Anselmo López impartiu o relatorio Conflitos de poder na Baixa Idade Media no Caramiñal partindo da “dialéctica política e económica que se establece entre os grandes poderes que van ter presenza na zona”.
Rafael García, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), ofreceu a conferencia Xullo de 1936 na Pobra do Caramiñal. No transcurso da súa exposición incluso amosou a cifra da veciñanza da Pobra recompilada no proxecto Nomes e Voces: persoas desaparecidas (1), detidas e inculpadas nunha causa militar (133), con pena de prisión (52), executadas (10) e paseadas (1). Do mesmo xeito, lembrou a existencia dun campo de concentración no municipio.
Unha vez concluído o acto, as persoas asistentes recibiron o póster As lendas do río das Pedras, do ilustrador Miguel Robledo, que reflicte San Amaro na súa barca de pedra, o Pozo Negro ou as lavandeiras da Aldea Vella, entre outras cuestións.
Ademais, incluíuse unha visita, no domingo 29, á igrexa de Santa Cruz de Lesón, cruceiro de San Amaro, A Aldea Vella, mosteiro de San Xoán da Misarela, barca de San Amaro e capela da Virxe do Monte.
As charlas do sábado 28 tamén foron retransmitidas pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, onde permanece o vídeo gardado para quen desexe visionalo.
Organizadas pola Concellaría da Cultura, as actividades desenvolvéronse seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.