O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González, visitaron a zona da pendente do tren en Oza-Cesuras que divide o Concello en dúas partes e no que dado o seu pouco espazo é imposible executar beirarrúas na estrada AC-840, unha vía moi céntrica e transitada.
O representante do Goberno autonómico coincidiu co rexedor na perigosidade deste tramo e lamentou que nos Orzamentos Xerais do Estado do 2021 non figure ningunha partida para poder iniciar este ambicioso proxecto que precisará da colaboración de todas as administracións competentes. Neste senso, destacou que o primeiro paso ten que vir da man de Adif para facer realidade un proxecto que pretende eliminar 200 metros de pendente e cambialo por piares o que permitiría a construción de beirarrúas e garantir a seguridade neste tramo.