Friday 22 de November de 2024

O Concello organiza o Concurso de Escaparates Nadal 2020 para incentivar as compras durante estas datas


O prazo de inscrición ábrese o día 30 de novembro ás 9:00 horas e pecharase o día 4 de decembro ás 14:00 horas.
O Concello de Malpica organiza o Concurso de Escaparates Nadal 2020 para incentivar as compras durante estas datas. O prazo de inscrición ábrese o día 30 de novembro ás 9:00 horas, e pecharase o día 4 de decembro ás 14:00 horas.
No mesmo, poderán participar todas e todos os empresarios que teñan locais con escaparates ao exterior en calquera das parroquias que forman parte do municipio.
Para elo, é necesario presentar, mediante rexistro ou de xeito telemático, a folla de inscrición cuberta acompañada da documentación requerida.
A valoración dos escaparates farase sobre unha puntuación total de 50 puntos e teranse en conta os seguintes criterios de avaliación: calidade artística, composición, creatividade, orixinalidade e iluminación e utilización de elementos tradicionais do Nadal.
Os días 22 e 23 de decembro a partir das 10 horas, o xurado visitará todos os establecementos participantes para realizar a súa valoración. Outorgaranse premios para os mellores escaparates. O primeiro constará de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro, de 100 euros. A listaxe será publicada na páxina web do concello e na canle oficial de Facebook. As bases xa se poden consultar no enderezo web da Administración malpicana.
O concelleiro de Promoción Económica, Sergio García, convida a todos os establecementos “a participar no concurso, nun Nadal moi complicado pero no que agardo que os malpicáns e malpicanas sacaremos o mellor de nós”, asegura.