Fórum Metropolitano e Ágora acollerán en decembro o novo programa, “Cultura a cuberto”, que incluirá actuacións gratuítas de teatro, cine, danza, música e circo e que, segundo Inés Rey, reforzan a idea municipal de que “a cultura non pode invernar”
O Concello da Coruña presenta o programa “Cultura a cuberto”, que ofrecerá cine, música, circo, teatro e danza durante o mes de decembro en distintas localizacións do Fórum Metropolitano e do Centro Ágora,
en que estarán garantidas todas as medidas de seguridade contra a Covid-19 esixidas pola Xunta de Galicia. A iniciativa segue a liña de goberno de darlles espazo ás e aos creadores locais para que poidan seguir presentando os seus espectáculos e que o público desfrute deles cunha programación dirixida a distintos perfís.
A actividade comezará o día 2 de decembro no vestíbulo do Fórum Metropolitano con Cinecleta e “Cinema doméstico a pedais” e incluirá preto de 30 actuacións gratuítas até o día 23. A alcaldesa e responsable da Área de Cultura, Inés Rey, sinala que este ciclo demostra unha vez máis o apoio deste Goberno local pola cultura galega e coruñesa con citas que abranguen distintas disciplinas artísticas e
que levarán as persoas espectadoras a gozar desde o death metal de Obskkvult ao clown con Sempre Arriba: “A cultura non pode invernar, ten que seguir axitando as nosas emocións e iso pasa porque o Concello, dentro das súas posibilidades, sexa acubillo do sector, ofrecendo actividades como estes eventos que engadimos aos arredor dos 130 que se realizaron correspondentes ao PRESCO cultural ou outros que desvelaremos axiña”, sinala a alcaldesa. Os eventos terán lugar durante todos os días da semana, pero concentraranse en maior número nas xornadas dos sábados.
Serán todos de balde, pero por cuestións de capacidade haberá que reservar os convites a través de https://corunacultura.sacatuentrada.es/. Poderán retirarse un máximo de dúas entradas por persoa e estarán dispoñibles desde este luns, ás 12.00 horas, as que corresponden ás citas que se celebrarán do ao 13 de decembro. O día 14, ás 12.00 horas, poranse ao dispor da veciñanza as localidades para as montaxes programadas do 13 ao 22.
Cultura a cuberto presentará desde o teatro de Xosé Leis, Molembir Teatro ou Compañía Rebordelos ao latin-rock dos 70 de Chekan e ao xornalista Javier Becerra, que dará charlas sobre o seu libro “¡Esto es pop!”.
A única actuación que non terá lugar no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora será a performance do coreógrafo Javier Martín, que estará o día 13 nas Ruínas de San Francisco. As demais distribuiranse entre estes dous edificios. As familias terán a posibilidade de asistiren a montaxes como o de Bolboretas, que traerá “Cabaré Cascarilleiras”, dos malabares da Asociación Rat-Lab e da obra “Onde viven os monstros”, de Naúfragos Teatro. Para as persoas afeccionadas aos coros, Gaos presentará “Voltamos” e no que respecta á danza, a veciñanza poderá desfrutar das propostas da Asociación Steps Danza ou de Félix Fernández, entre outras.