O Elma acolleu na tarde deste venres 27 a clausura do 2.° Ciclo Victoriano García Martí, focalizado na divulgación e contribución á posta en valor da figura e obra deste escritor pobrense, fillo predilecto da localidade, ó tempo que se pretende recupera-la súa memoria.
Así, Arantxa Fuentes Ríos, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, impartiu a conferencia Ideología y activismo en Victoriano García Martí. Una voz quebrada onde ofreceu unha visión sobre o intelectual partindo de diversos datos. No referente a discípulo do filósofo Henri Bergson, expuxo que “desenvolveu unha doutrina filosófica acorde á antropoloxía poética. Ao seu radical idealismo engadiu a literatura, a etnografía e a socioloxía como método para radiografar a alma dos pobos, en concreto, a alma galega”. En canto a secretario do Ateneo, indicou que, neste período, resultaba habitual a súa presenza na prensa, tanto a nivel nacional coma local, ademais de ser ideador,
axente e promotor de cursos universitarios, exposicións de fotografía ou arte, fundación de sociedades e asociacións. Neste senso, afirmou que García Martí “foi un claro exemplo de activista entendido como un compromiso explícito e deliberado en aras da cultura e da sociedade”. Tamén fixo mención á amizade
do escritor pobrense con Valle-Inclán, precisando que “ambos profesábanse respecto, admiración e afecto”, ao tempo que lembrou que o máximo expoñente do esperpento conta cun Museo, pero a casa de García Martí foi derrubada, conservándose unicamente a fachada, e o seu fondo documental carece dun
lugar propio “permanecendo ao abrigo da mencionada sede”. E, por último, abordou a faceta como promotor de Galicia destacando que “prevalecía, ante todo, un afán modernizador onde o turismo desempeñaría un papel clave” e “reivindica a planificación ou a estratexia turística que leva consigo unha
obrigada modernización sen abandonar os trazos distintivos da rexión”, polo que apuntou que “o compoñente ideolóxico marca a diferencia dos seus textos con respecto ás puras guías turísticas”.
De seguido, o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, e o profesor e axente cultural Xesús Laíño procederon coa presentación da edición facsimilar Don Severo Carballo. Del alma gallega (1917). Antonio González puxo de manifesto que a referida institución museística conta cun fondo no cal se atopan a fototeca, obxectos persoais e o epistolario do autor e, no que respecta ao libro, subliñou que se atopa ambientado en espazos, personaxes e accións da Pobra de cen anos atrás. Pola súa parte, Xesús Laíño fixo fincapé en que, na obra, García Martí “fai un exercicio de etnografía, de novela sentimental, de
paisaxismo e de amosar as características dos homes da súa xeración”. Engadiu que “segue sendo a novela que mellor nos describe”, razón pola cal “merece estar en tódalas casas de tódolos pobrenses”.
Finalmente, o alcalde Xosé Lois Piñeiro pechou o acto expresando o seu agradecemento a tódalas persoas que fixeron posible o desenvolvemento deste ciclo, salientando o valor desta iniciativa.
Ao remate, o público recibiu de balde un exemplar da edición presentada, cortesía da Administración local. Entre as persoas asistentes figuraban Fernando Bermejo Rubio, representante da familia que ten depositados os fondos orixinais no Museo; Luís Menéndez Villalba, presidente da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela; e integrantes de entidades e do tecido asociativo cultural.
Organizada pola Concellaría da Cultura e o Museo Valle-Inclán, coa colaboración da Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), esta convocatoria comezou no 20 de novembro coa inauguración da instalación conmemorativa na fachada da antiga casa do escritor situada nos Areos, en colaboración coa Gadisa; coa ofrenda floral ante o seu busto na praza García Martí e lectura pública de escritos seus relacionados coa vila; e coa ruada festiva a cargo de Arrancadeira, levando o baile e música tradicional por distintos espazos.
As actividades transcorreron seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.