Friday 22 de November de 2024

O Goberno local construirá unha cuberta para a bancada do campo de fútbol de San Pedro de Visma


A alcaldesa destacou, durante su visita ás instalacións, o enorme labor dos clubs da cidade no desenvolvemento dun fútbol con valores

A alcaldesa, Inés Rey, visitou os campos de fútbol de San Pedro de Visma acompañada da concelleira de Deportes, Mónica Martínez, o presidente da Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, e o presidente da Federación Galega, Rafael Louzán. A rexedora anunciou a intención do seu Goberno de construír unha cuberta para a bancada do campo principal, que se sumará a outras actuacións como a marquesiña para que as persoas afeccionadas estean baixo cuberto no campo e as gaiolas en que os equipos gardan o seu material que o concello xa habilitou.

A alcaldesa insistiu na necesidade de que as administracións e as entidades colaboren na defensa dun fútbol con valores. Neste senso, quixo agradecerlle publicamente á Real Federación Española de Fútbol o seu apoio no caso Fuenlabrada, “non esquecemos que estivo ao lado dos auténticos valores do fútbol, os que defendemos todas e todos os que estamos aquí, e, en especial, as e os usuarios de campos como este”.

Por outra banda, lembrou o compromiso do Goberno local co fútbol modesto e lembrou que comezarán en decembro as obras do campo de Eirís para que se una así aos de Visma, ao da Grela e aos da Cidade Deportiva da Torre, onde se cambiará a herba artificial en varios campos e acometeranse diversas melloras.

A rexedora destacou o enorme labor dos clubs no desenvolvemento da práctica do fútbol na nosa cidade, dun fútbol con valores, “porque falar de fútbol na Coruña é facelo da Coruña mesma, das entidades que en cada barrio funcionan como centros de reunión e convivencia, unindo así a responsabilidade social á deportiva” e “tamén é facelo deses directivos e directivas que rascan os seus petos e sacan tempo de onde sexa para se preocuparen pola ficha daquel cadete ou animaren a que as mozas proben no fútbol feminino”.

Lembroulles que A Coruña é unha capital futbolística de nivel internacional, por moitas razóns que van da elite á base e que desembocan en recintos como estes campos de San Pedro de Visma, onde cada fin de semana centos de mozas e mozos soñan pero, sobre todo, se divirten mediante unha actividade saudable. Para iso, dixo, contamos cun enorme tecido social, as persoas representantes dos nosos
múltiples clubs, que representan unha longa tradición cívica, os que chamamos “os modestos”. Para a alcaldesa, falar de fútbol tamén é falar de igualdade, porque “fomos pioneiros no fútbol feminino, mediante nomes como a porteira Irene ou o Karbo nos anos 80, até o boom actual”. E do mesmo xeito que o fútbol feminino chegou para se quedar, sinalou, tamén chegou a hora de que as mulleres ocupen o
lugar que lles corresponde na xestión directiva dos clubs e as federacións.

Rey quixo mencionar o labor da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña, a AFAC, que coas súas máis de 5.000 fichas de equipos femininos e masculinos “converteu á Coruña en exemplo de organización e implicación social neste deporte”. E lembrou a entrega histórica de persoas anónimas do fútbol modesto que dedicaban moitas horas a estes clubs modestos, clubs que se converteron en auténticos motores de integración e socialización nos barrios.