Friday 22 de November de 2024

O pleno de San Sadurniño aproba o PACES e dálle luz verde á redacción dun regulamento para a xestión do lixo


Tal e como avanzabamos onte á mañá, o último pleno ordinario deste 2020 -clebrado na Casa da Cultura este xoves a partir das 19.30h.- foi longo e denso en canto a debate político. Había dez puntos para tratar, dos cales tres tiñan un eminente contido de xestión e os outros sete eran mocións achegadas polo PP e o BNG e a habitual quenda de rogos e preguntas coa que finalizan as sesións de periodicidade fixa. A primeira parte do pleno centrouse na aprobación do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía sostible, na declaración como actividades de interese de catro explotacións gandeiras -de cara a bonificarlles a “contribución”-, e o compromiso de redactar un regulamento do servizo de recollida e tratamento do lixo que veña definir tanto o seu alcance como as condicións da súa prestación. O primeiro punto saiu adiante cos votos de BNG e PSOE e os outros dous obtiveron o apoio unánime dos tres grupos municipais. Non foi así nos asuntos restantes, case todos eles mocións presentadas con carácter urxente, que xeraron abondosa controversia e votacións dispares.

O Plan de Acción polo Clima e a Enerxía sustentable (PACES) é un documento no que se recollen as actuacións que se deberán levar a cabo para reducir nun 40% as emisións de CO² no noso concello de aquí ao ano 2030. Esta folla de ruta parte dunha caracterización do territorio e da identificación das emisións de gases de efecto invernadoiro que hai na actualidade para, a partir dese diagnóstico inicial, propor estratexias que consigan rebaixalas. O PACES redactouse cunha axuda da Consellaría de Medio Ambiente e, ademais de ser unha guía que debe marcar as actuacións municipais nos próximos anos, tamén será requisito indispensable para obter as máximas puntuacións en convocatorias de axudas relacionadas co ambiente, o aforro enerxético ou a xestión dos residuos.

O BNG e o PSOE déronlle o seu voto favorable, mentres que o PP rexeitou o seu contido considerando que nel non aparecen datos sobre as emisións contaminantes da industria.

No terceiro punto do día votábase a declaración de interese municipal da actividade desenvolvida por catro gandarías do municipio que solicitaron este trámite para poderen beneficiarse de bonificacións de entre un 50 e un 95% na cota do IBI das construcións afectadas por esa actividade, ben sexa na súa totalidade ou só nunha parte. Unha posibilidade que vén recollida na ordenanza reguladora da “contribución” e que se pon en marcha a petición das interesadas, sempre e cando cumpran os requisitos. A declaración aprobouse cos votos favorables dos tres grupos, agás unha abstención dun dos concelleiros do BNG por ter vínculo familiar cunha das solicitantes.

Houbo posicionamento favorable tamén no cuarto punto, referido ao regulamento dos residuos. Ata o momento en San Sadurniño só existe unha ordenanza reguladora da taxa da recollida, pero non un texto que poña negro sobre branco como se presta o servizo, cales son os deberes do Concello e cales os das persoas usuarias, tendo en conta que nos últimos anos a recollida foi evolucionando e diversificándose con propostas como o porta por porta ou a compostaxe caseira. O que se presentou ao pleno foi unha declaración de intencións de cara a iniciar un proceso participativo no que se lle dea voz á veciñanza para que achegue ideas e propostas a un texto base que o Concello xa está preparando e que se publicará como borrador ao longo do mes que entra. A cuestión saiu adiante tamén por unanimidade dos tres grupos.

A partir deste momento o pleno xa se adentrou no apartado das mocións, empezando por unha do PP para instar ao Estado a que lle volva aos concellos o ive recadado no exercicio de 2017 e que, segundo o grupo popular, ascende a 26.000 euros no caso de San Sadurniño. O BNG sumouse á petición precisando, iso si, que sería necesario un cambio de modelo recadatorio para que sexan as propias comunidades quen cobren o IVE -como ocorre en Euskadi- e que despois llo transfiran ao Estado, en vez de ser o Estado quen cobre para despois transferirlle a parte correspondente a cada comunidade.

A segunda moción do PP centrábase en demandar do Goberno do Estado unha lei que garanta o “dereito constitucional á propiedade privada” e que, ademais, tamén “combata eficazmente a ocupación ilegal de vivendas”. O PSOE sinalou que o trasfondo do debate non é tanto o problema dos “okupas” senón a grande bolsa de vivenda baleira que existe en España, a maior parte dela en mans de bancos e fondos de investimento, e o feito de que o “dereito a unha vivenda digna” tamén é un dereito recoñecido na Constitución. O BNG manifestouse no mesmo sentido, acusando ao PP de “crear alarma” con “datos interesados para favorecer o medo” que non se axustarían á realidade. A portavoz do grupo nacionalista sinalou que a usurpación de vivendas baleiras non chega ao 0,2% e criticou que o Partido Popular quixese “defender os intereses de bancos e grandes fondos de investimento” en vez de demandar políticas de vivenda pública que dean resposta ás necesidades de arredor de medio millón de galegas e galegos en risco de pobreza. Só o PP votou a favor da súa moción.

A terceira das iniciativas populares instou ao pleno a rexeitar a nova lei de Educación -coñecida como Lei Celaá- para “garantir a calidade do ensino público e que os pais poidan escoller público, concertado ou privado”, ademais de que se garanta que o castelán sexa “lingua vehicular”. O portavoz do PSOE -mestre de profesión- debullou o contido da lei para desmontar “os mantras que non son certos”. Segundo Lois Anxo Rodríguez, detrás da oposición popular ao novo marco legal estarían, de novo, os intereses de grupos de presión privados. “A lei ponlle freo a iso de chan público, cartos públicos e xestión privada” -citando o caso de Madrid- e indicou que o proxecto conta con máis apoio parlamentario que a lei en vigor aprobada en solitario polo PP en tempos de Mariano Rajoy. Referíndose á cuestión do idioma, Rodríguez lembrou que a cuestión da “lingua vehicular” só aparece na lei do PP -a coñecida como lei Wert- e deixou no aire unha apreciación contundente: “non hai ningún neno que non saiba falar castelán, pero si hai moitos que xa non saben falar Galego”.

O Bloque tamén se opuxo á moción do PP malia non estar de acordo ao cento por cento coa nova lei educativa. Citou que o PP, Vox e Ciudadanos “están introducindo a lingua nun debate interesado” e engadiu o dato de que o 24% dos menores de 14 anos “non saben falar galego” malia tratarse “dun dereito e dunha obriga”, ademais dunha “cuestión de autoestima”. O BNG valorou positivamente que a relixión deixe de contar para as medias académicas e que se reforce nos centros unha educación especial integradora. O grupo nacionalista acusou ao PP de “defender a segregación” e “a educación privada”. Tamén neste caso o Partido Popular quedou só defendendo a súa moción.

O oitavo punto do serán chegou ao pleno da man do BNG, propoñendo que se lle trasladase á Mesa do Congreso unha enmenda aos Orzamentos Xerais do Estado de cara a que os grupos apoien unha achega de 500.000 euros para rematar as intervencións de posta en valor do castelo de Naraío, considerado un referente turístico que pode contribuír á dinamización económica da zona. Os tres grupos estiveron de acordo coa proposta.

Chegando xa á recta final da sesión, o BNG tamén presentou unha declaración institucional con motivo do 25-N que en días anteriores xa fora avalada polo PSOE e rexeitada polo PP. Segundo trascendeu no debate, o grupo de goberno trasladoulles a semana pasada aos dous grupos da oposición unha proposta de texto á que o PP respostou cunha redacción alternativa e totalmente distinta da orixinal que se propuña para mellorar. Ante a falla de consenso, o texto do BNG foi o que se debateu e se aprobou finalmente, non sen antes deixar patente que o PP se opuña só a dúas palabras: o uso de “feminicidio” e tamén de “revolucionario”, neste último caso no contexto dunha frase citando á artista mexicana Frida Kahlo. O texto do BNG saiu adiante cos seus votos e cos do edil socialista. No caso do PP houbo dous votos en contra e unha abstención.

Rogos e preguntas
A sesión finalizou coas preguntas dos grupos da oposición. O PSOE interesouse por se o Concello dispuña de nova información sobre un episodio de turbidez no río Castro ocorrido o ano pasado e tamén polo estado da tramitación do PXOM. O goberno respostou que ao respecto do río -caso que se denunciou no seu día- non se tiñan datos novos e sobre o PXOM sinalou que se continúa á espera do preceptivo informe de Augas de Galicia, o único que falta para poder levar a cabo a aprobación provisional do planeamento.

O PP, máis que preguntar, suxeriu que non compensara a contratación dunha empresa para reforzar o SAF -47.000 euros en total- e mencionou a “privatización” do servizo. O alcalde indicou que o contrato estaba rematado e que o consistorio non ten intención de “apostar polo privado”.

A portavoz popular, María Belén Trigo, preguntou tamén por unha factura da limpeza dos locais electorais que, por erro, incluía no concepto “Coirós” en vez de “San Sadurniño”. O alcalde sinalou que se trataba dun erro administrativo sen relevancia e criticou que o PP levase ao pleno cuestións sen trascendencia que, a xuízo do rexedor, só conseguen deixar en entredito a profesionalidade do persoal municipal.

O PP tamén utilizou este tempo das preguntas para inquirir ao Executivo sobre a provisión de máscaras “a uns cursos si e a outros non” do CPI e citando supostamente comentarios do alumnado no sentido de que as proteccións “só eran para os nenos pobres”. A cuestión provocou unha resposta acesa do alcalde e, sobre todo, da portavoz do BNG, María Muíño. Secundino García explicou que o lote de 700 máscaras se lle entregaran á dirección do CPI para que as distribuíse seguindo os criterios da Consellaría de Educación, quen establece que este material se lle dea á rapazada beneficiaria do denominado cheque escolar . María Muíño apuntou que a entrega se fixera con “criterios obxectivos” de acordo cos datos facilitados polo centro e acusou ao PP de facer “preguntas con volta e insinuacións”. Muíño pediulle a María Belén Trigo “responsabilidade” e que se coidase de “estigmatizar no pleno” aos nenos e nenas que reciben axudas públicas. “Acaba de dicir algo gravísimo (en referencia á cita da pobreza). Sexamos responsables”, espetoulle a concelleira nacionalista á voceira do PP.

Nos últimos minutos o PP tamén preguntou se rematara o prazo de solicitude de axudas do PEL Reactiva -algo do que se informou varias veces a través da web e das redes sociais sinalando que finalizaba ás 14.00h. do 25 de novembro-, tamén preguntou se se ía aumentar o mobiliario dos parques biosaudables e infantís e pola reparación tanto da pista A Braña-Cornide como dunha caseta escolar situada na zona que quedou estragada polo golpe dun camión.