Friday 22 de November de 2024

Xunta e concello de Lousame colaboran para a rexeneracion deportivo-ambiental do Bosque do Neno


Alfonso Rueda asinou o convenio de colaboración polo que a Xunta achega 25.000 euros para a rexeneración deste espazo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinou un convenio de colaboración ca alcaldesa do concello de Lousame, María Teresa Villaverde Pais, para a rexeneración deportivo-ambiental do “Bosque do Neno”.

Así, grazas á sinatura deste convenio levase a cabo o proxecto de rexeneración deportivo- ambiental do Bosque do Neno, que conta cun orzamento de 33.000 euros, dos que o goberno galego aporta 25.000 euros e que consistirá na execución de obras nunha ampla zona onde hai especies como castiñeiros ou carballos, entre outras plantas autóctonas, englobando este espazo o polideportivo municipal, a piscina municipal, o CPI Cernadas de Castro e o campo de fútbol de herba artificial recentemente construído.

Ademais, na súa visita Alfonso Rueda puido coñecer in situ as actuacións levadas a cabo polo Concello de Lousame ao abeiro das subvencións do Fondo de compensación Ambiental, que recibiu nos últimos cinco anos máis de 150.000 euros, destinados á mellora do entorno e a conservación do noso medio ambiente.

A Xunta, grazas ás axudas do canon eólico procura garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados e converténdoos en motor do desenvolvemento económico rexional.

Concretamente, no caso de Lousame van dende melloras no saneamento e depuración de augas residuais, actuacións de abastecemento e recuperacións de espazos, como o que se levará a cabo ao abeiro deste convenio ou as actuacións que tiveron lugar no poboado mineiro de San Finx.

As axudas que proceden do canon eólico benefician aos concellos galegos e por sexto ano consecutivo, os municipios galegos se benefician de ter explotacións eólicas con máis de 50 millóns de euros en subvencións para pequenas actuacións, moi necesarias e beneficiosas, sobre todo para os pequenos concellos do interior, coma é o caso de Lousame.