O Goberno tamén sacou adiante o acordos para á adhesión ao convenio de colaboración do transporte metropolitano
O Executivo local do Concello de Padrón someteu a votación en sesión plenaria o proxecto inicial da Relación de Postos de Traballo municipal e a proposta saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular, a abstención dos concelleiros do PSOE e de Compromiso por Galicia e o voto en contra da edila do BNG .
Os responsables da redacción deste proxecto mantiveron unha negociación cos sindicatos dos traballadores municipais a través da convocatoria de cinco encontros, se ben continuarán mantendo un contacto fluído nos vindeiros meses. A relación de postos de traballo deseñada recibiu o informe favorable tanto do organismo interventor da Deputación coma da Secretaría. En total o Concello de Padrón contará con 75 postos, cunha estrutura que contempla a creación de 14 empregos novos -un posto de asesor xurídico, un de arquitecto, dous de arquitectos técnicos, un novo administrativo para
Tesorería e outro para o departamento de Contratación e Urbanismo, un oficial de sección electrónica e novas tecnoloxías, un técnico de administración xeral, un tesoureiro, un encargado-conductor de Obras e Servizos, un auxiliar administrativo para Cultura e Deportes, un novo conserxe, e dous auxiliares administrativos para o departamento de Servizos Sociais-.
O alcalde de Padrón matizou no Pleno que “este proxecto é un elemento vivo, que pode modificarse en calquer momento. O que intentamos é poñer orde na situación que hai actualmente, xa que esta é a primeira relación de postos de traballo referente aos contratos laborais que se realiza neste Concello”.
Na sesión plenaria da tarde do xoves a corporación aprobou, co voto favorable do equipo de goberno, coa abstención do PSOE e de Compromiso por Galicia e co voto en contra do BNG, a adhesión ao convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de Santiago de Compostela. A ratificación deste acordo inclúe a ampliación de rutas e a especificación de que a Xunta de Galicia asumirá o 80% do custo e o 20% reverterá sobre as arcas municipais. O rexedor do Concello de Padrón explicou que “este é un acordo moi beneficioso para Padrón e a súa cidadanía, posto que facilita a mobilidade sostible na nosa área”.
Asemade, tamén se ratificou o Decreto polo que se establecen os festivos locais para o 2021, que no caso de Padrón serán o 5 de abril -luns de Pascua- e o 6 de maio -San Xoán do Raio-.