Friday 22 de November de 2024

Un total de 143 solicitudes presentadas na Pobra ao PEL- Reactiva


O Concello da Pobra do Caramiñal mantivo aberto o prazo de presentación de solicitudes ao PEL-
Reactiva, impulsado pola Deputación da Coruña, dende o día 11 ata 25 de novembro. En total, foron 143 as empresas e autónomos/as que requiriron estas achegas. Co número de solicitudes presentadas non se vai esgota-la totalidade da partida destinada. Ademais, tal e como xa anunciara o Goberno municipal,
estudarase a posibilidade de sacar unha segunda liña de axudas para chegar a aquelas persoas que non resulten beneficiarias desta convocatoria, a pesar de sufri-las consecuencias da situación derivada da COVID-19 e que non foron capaces de cumpri-los requisitos esixidos.
Cómpre lembrar que se trata dunha medida focalizada no eido económico laboral e que, no caso concreto da Pobra, a contía asignada pola institución provincial é de 126 129’63 euros e o Concello debía achegar un mínimo de 31 532’41 euros adicionais procedentes dos seus recursos propios; mais decidiuse
que a achega municipal sexa de 373 870’37 euros -con cargo ao remanente de 2019-, que se sumarán aos proporcionados pola Deputación, o cal redunda en ao redor de 500 000 euros.
Como posibles beneficiarias destas axudas figuran, por orde preferente, tres tipos de empresas: no grupo 1 enmárcanse aquelas que pecharon durante o confinamento de forma obrigatoria seguindo o Real decreto 463/2020; ao grupo 2 adscríbense aquelas cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vise reducida, polo menos, nun 75%; e no grupo 3 atópanse as sometidas a ERTE.
A contía vai dende os 1500 euros por unha empresa que non teña ningunha persoa empregada ata 3000 euros para aquelas cuxo cadro de persoal se compón de entre 6 e 9. Ademais, o período subvencionable abarcará dende 1 de marzo ata 31 de decembro de 2020.
As ditas subvencións xustifícanse coa compra de material antiséptico ou desinfectante, produtos hixiénicos e de limpeza; arrendamentos e canons; reparación e conservación; primas e seguros; e subministracións.
As solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos nas bases reguladoras puntuaranse de acordo cuns criterios de valoración nos cales figuran o tipo de empresa, a súa forma xurídica, o número de mulleres contratadas, o número de persoas discapacitadas contratadas, o número de menores de 30 anos contratados/as e o emprego da lingua galega.
No caso de empate, priorizaranse como criterios para desface-la dita situación o número de mulleres contratadas, o número de persoas discapacitadas contratadas, o número de menores de 30 anos contratados/as, empresas de economía social e a data e hora de presentación completa da solicitude.
As persoas beneficiarias da axuda dispoñen ata o 31 de marzo, como data máxima, para achega-la documentación xustificativa.