No mes de decembro o gasto total dos turistas estranxeiros superou en Galicia os 49 millóns de euros, aumentando en relación ao mesmo mes do ano 2013 preto dun 10%
Segundo as cifras proporcionadas hoxe pola enquisa de gasto turístico Egatur -elaborada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo- o gasto dos turistas internacionais en Galicia no pasado ano 2014 foi de 895.230.334 euros, o que supuxo un incremento do 19,5% con respecto ao ano 2013.
No mes de decembro o gasto total dos turistas estranxeiros superou na nosa comunidade os 49 millóns de euros -49.935.067 euros-. Esta cifra aumentou, en relación ao mesmo mes do ano 2013, preto dun 10%.
O gasto total do turismo internacional en Galicia experimentou un crecemento continuado dende o mes de maio. Mantívose, polo tanto, unha tendencia positiva no 2014 con incrementos por encima do 20% interanual en case todos os meses do ano.
O gasto medio por persoa mantívose estable en relación ao ano 2013, con máis de 850 euros de media. No pasado ano 2014 o gasto medio por persoa subiu principalmente nos meses de temporada media –en maio, xuño e outubro-.
A nivel estatal, Galicia ocupa a cuarta posición no ranking de intensidade de crecemento do gasto total.
En canto aos países que xeraron un maior gasto total en Galicia, o pasado ano 2014 foron Francia, Portugal e Reino Unido, por esta orde, co 18%, 13% e 12% do total, respectivamente.
En termos de variación os países que presentaron un crecemento máis intenso do gasto en Galicia foron, por esta orde, Bélxica, os países nórdicos e Italia –con incrementos similares ou superiores ao 90% en relación ao ano 2013-.