O executivo padronés tamén propón que as familias de acollida teñan unha exención total da cota de atención educativa
O Executivo do Concello de Padrón, liderado por Antonio Fernández Angueira, presenta en sesión plenaria unha proposta de acordo para modificar a ordenanza municipal que regula a prestación do servizo público da escola infantil co obxectivo de instaurar a gratuidade de atención educativa de 0 a 3 anos a partir do segundo fillo ou filla, sempre que o primeiro non supere os 18 anos de idade.
Asemade, o equipo de goberno padrones propón que as familias de acollida con medida de tutela ou garda teñan unha exención total da cota de atención educativa. No pleno convocado para a tarde de hoxe someterase a votación esta proposta de acordo.
“Trátase de dúas medidas necesarias para a cidadanía do noso municipio, que ademais suporán unha gran axuda económica para moitas unidades familiares”, explicou o rexedor. “O equipo de goberno que dirixo afánase día a día por facilitar a vida da poboación de Padrón, e esta proposta é froito dun intenso traballo por defender os dereitos das familias, por promover a conciliación da vida laboral e familiar e por aliviar as cargas económicas da nosa veciñanza”, incidiu Antonio Fernández Angueira.
As cotas mensuais pola atención educativa en xornada completa na escola infantil establecense en función da renda per capita mensual da unidade familiar. Do mesmo xeito que tamén se aplican reducidas no prezo polo servicio de comedor tanto no caso do almorzo como da merenda, sempre e cando os nenos e nenas sexan usuarios habituais do servizo.
Outros acordos en sesión plenaria
A Corporación tamén propón a posta en marcha do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES) do Concello de Padrón, de acordo co Pacto dos Alcaldes.
Deste xeito, adquírese o compromiso de realizar, cada dous anos, o informe de acción e seguimento sobre a implantación do PACES. Entre os seus obxectivos atópanse a redución de emisións de CO2; o incremento da eficiencia enerxética; o aumento do uso da enerxía procedente de fontes renovables; a elaboración dun inventario de Emisións de Referencia, e a realización dunha avaliación de riscos e vulnerabilidades derivados do cambio climático.
No pleno que se celebrará esta tarde na Casa do Concello tamén se someterá a votación as ratificacións, por un lado, do Decreto polo que se establecen os festivos locais para o ano 2021, e da adhesión do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de transporte metropolitano de Santiago de Compostela.