Lete lasa anima aos cadetes do baloncesto galego a seguir investindo nun deporte no que sempre gañarán como persoas
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado por representantes da Federación Galega de Baloncesto, recibiu aos participantes no Campionato de España de Baloncesto Cadete 2015 por seleccións autonómicas, celebrado do 2 ao 5 de xaneiro na cidade de Valladolid.
Lete Lasa quixo felicitar aos rapaces e rapazas que participaron no encontro dentro do grupo especial, o máis forte da competición, e no que obtiveron a quinta e novena posición -cadete feminino e masculino respectivamente-, destacando a súa actitude deportiva de loitar ata o último segundo de cada partido por obter o mellor resultado posible fronte ao adversario.
O responsable de Deportes da Xunta salientou a boa actuación dos 24 deportistas da selección galega e o alto nivel deste campionato cadete no que os equipos se miden aos mellores de todas as comunidades autónomas de España, á vez que animou aos xogadores e técnicos a seguir traballando na mesma liña para fortalecer o baloncesto galego desde a canteira.
Como ex xogador profesional de baloncesto e amante desta disciplina, Lete Lasa asegurou aos rapaces e rapazas que as recompensas deste deporte son sempre moi superiores ao esforzo e á dedicación que nel invistan, porque ante todo gañarán sempre como persoas, e ese crecemento persoal ten un valor incalculable. E neste sentido non esqueceu agradecer aos técnicos da selección galega a súa achega incansable na formación e preparación das novas promesas do noso baloncesto.