O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo un encontro coa nova directiva da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña. Esta entidade ten por obxectivo unir a todas as entidades de voluntarios da provincia para acadar unha maior efectividade en defensa dos seus intereses. Na reunión estivo presente o novo Presidente, Juan Manuel Barca, e os membros do seu novo equipo directivo.
Trenor destacou o importante traballo destes voluntarios no reforzo dos servizos de emerxencias da nosa comunidade e puxo en valor a labor altruísta que demostran no seu traballo do día a día acudindo sempre que se lles pide axuda.
O representante do Goberno autonómico apuntou que a colaboración da Xunta cos concellos coa dotación dun equipamento adecuado aos servizos municipais de emerxencias permite que poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións e garantir a seguridade dos seus efectivos.
Concretamente, lembrou que o Goberno galego destinou, en 2020, máis de 118.000 euros para colaborar cos gastos de funcionamento de 61 agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia da Coruña. Estas achegas forman parte da orde de axudas a estas asociacións de persoal voluntario de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios. A través destas subvencións o Goberno galego colabora coas AVPC nos seus gastos de funcionamento e destina un total de 340.000 euros a 188 entidades da comunidade.
As agrupacións beneficiarias poden investir as axudas recibidas na adquisición de equipamento e uniformes ou de equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; en sufragar actuacións da agrupación, así como os gastos ocasionados pola conservación, mantemento ou o alugamento da base e medios de intervención. Tamén se colabora nos pagamentos dos seguros do persoal voluntario e nos custos de formación dos seus membros.
Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Deste xeito, vén a complementar outros programas de apoio para mellorar o equipamento, os vehículos ou a formación dos voluntarios.