Acaban de saír a licitación por 18.000 euros as obras para a limpeza, retirada de residuos, e o peche do terreo e da terraza superior.
O Concello de Cariño vén de sacar a licitación os traballos de acondicionamento do edificio do Centro de Día. As obras, que contan cun orzamento de 18.272,61 euros e inclúen o peche do terreo e da terraza superior xunto coa limpeza xeral das instalacións e a retirada de residuos da leira, serán o paso previo á redacción do esperado proxecto de finalización.
Esta actuación, que xa estaba prevista, ten o obxectivo de sanear as instalacións e evitar que os danos vaian a maiores e levará a cabo seguindo as recomendacións dos arquitectos que visitaron o edificio. Para o seu financiamento o goberno local fará uso de parte do aval de preto de 60.000 euros incautado á empresa adxudicataria que, por entrar en concurso de acredores, deixou paradas as obras no ano 2010.
Os traballos para realizar inclúen: a retirada dos residuos voluminosos existentes nas distintas plantas do edificio e na leira, unha limpeza en profundidade de toda a instalación, a execución dun peche para a parcela e a reposición da varanda da cuarta planta que actualmente está totalmente caída, ademais da reposición daquelas que estean en mal estado.
Finalización do Centro de Día
O Concello de Cariño está a traballar actualmente na redacción do proxecto de finalización, que leva incorporado os danos acumulados durante estes 10 anos desde que se parou a obra e tamén a actualización dos prezos.
O pasado mes de febreiro, durante unha visita institucional a Cariño, o presidente da Deputación dá Coruña, Valentín González Formoso, expresou a súa predisposición para colaborar coa Xunta de Galicia e o Concello de Cariño para reactivar as obras de finalización do Centro de Día e da finalización das partes comúns da
Residencia. Ademais, o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, ten o compromiso da Consellería de Política Social de que se asinará un convenio polo que o Concello encargarase da redacción do proxecto de finalización e o ente autonómico achegará 150.000 euros, distribuídos en dous anos.