A alcaldesa afirmou na presentación da porta artística de Woody James no Centro Ágora que a cidade é pioneira en políticas de igualdade coa rede de acollida e o COF, o primeiro Centro de Orientación Familiar que abriu en Galicia no ano 1983
A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Igualdade, Yoya Neira, asistiron esta mañá á inauguración da porta que o artista Woody James lle dedicou á muller coruñesa María Judite, asasinada en 2018 e que se instalará de forma permanente no Centro Ágora como un xeito de reivindicar a loita contra a violencia machista. A rexedora sinalou que temos que lanzar “un berro unánime de protesta ante esta outra ‘pandemia’ que tamén debemos eliminar da nosa sociedade”.
Rey recordou que o Goberno local conta cunha rede de acollida que funciona desde 1991 e cun Centro de Orientación Familiar (COF), que foi o primeiro en abrir en Galicia hai 37 anos. A alcaldesa sinalou que a nivel social, “fomos capaces de rompermos a lei do silencio. Homes e mulleres saen á rúa, mobilízanse contra a violencia e son moitas as organizacións que traballan para lles axudar ás vítimas e aos seus fillos”.
Os gobernos, engadiu, están igualmente concienciados con máis de 125 normas aprobadas nos últimos anos contra a violencia machista, “pero sabemos que non é suficiente. Só se reforzamos o noso convencemento ante esta situación inaceptable, só se acabamos co maltrato perseguindo os maltratadores e educamos en igualdade lograremos acabarmos coa violencia machista”. Rey afirmou que é unha tarefa de todos, de todas as mulleres e de todos os homes: “É un dos retos máis urxentes que temos como sociedade”.
A rexedora lembrou tamén as 1.074 mulleres asasinadas por violencia de xénero desde 2003 en todo o Estado, das que 41 morreron ao longo deste ano e deixaron 23 nenas/os orfas/os. Rey rematou a súa intervención asegurando que é posible cruzarmos xuntos esta porta: “Unicamente seremos unha sociedade de mulleres e homes libres se erradicamos calquera forma de violencia á muller”.
Por outro lado, a alcaldesa e as edís Yoya Neira e Mónica Martínez representaron xunto coas traballadoras/es das Escolas Deportivas Municipais un lazo de repulsa ás violencias contra as mulleres con motivo do #25N na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor. Todas e todos vestiron a camiseta da Carreira da Muller, que non se puido realizar o pasado mes de marzo.