Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión pide que a pandemia non prexudique aínda máis ás vítimas da violencia machista e anima á veciñanza a facer visible o seu rexeitamento aos maltratadores


“A pluma viva de Rosalía”, de Os Quinquilláns, porá este venres o punto e final á campaña “Brión en negro”
A praza do Concello de Brión acolleu este mediodía a concentración conmemorativa do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, na que participaron unha trintena de persoas. Todas elas levaban camisetas,  máscaras, chapas ou calquera outro tipo de prenda incluídas na campaña “Brión en negro”, á que por terceiro ano consecutivo se adheriu o consistorio brionés.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, foi a encargada de dar lectura a un manifesto institucional no que puxo de manifesto que “o confinamento domiciliario ao que obrigou a emerxencia sanitaria, lonxe de mellorar a vida de moitas mulleres, fíxollas se cabe máis difícil”. Así mesmo, advertiu que o asasinato de 41 mulleres e 3 menores “non pode ser celebrada. Estamos tan afeitos a estes datos que non reparamos no que significan: 44 vidas arrebatadas pola sen razón”.
Por iso, agradeceu a todas as persoas, entidades e negocios que se sumaron un ano máis á campaña “Brión en negro”, xa que “non debemos deixar de facer visible a mensaxe de repulsa que pretendemos lograr: que en Brión non temos medo a manifestarnos abertamente en contra dos maltratadores e que as vítimas poden contar co noso apoio”.
A obra “A pluma viva de Rosalía”, do grupo Os Quinquilláns, pechará este venres 27 de novembro, ás 20:00 horas, os actos da campaña “Brión en negro”. Trátase dunha montaxe teatral sobre igualdade e liberdade a partir de textos da poetisa galega. Tero Rodríguez e Lucho Penabade porán en escena unha obra baseada nun feito real de censura á obra de Rosalía de Castro, onde se chegou a apedrear a editorial na que acababa de publicar. A entrada é gratuíta, se ben por mor da pandemia da covid-19 o aforo é limitado e hai que reservar sitio chamando ao teléfono 981 50 99 08.