A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe os traballos realizados en ambas instalacións municipais, no marco da Orde de infraestruturas de uso público
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as melloras realizadas no pavillón municipal e no campo de fútbol do concello de Touro, que a Xunta apoia a través da convocatoria deste ano da Orde de infraestruturas de uso público.
Deste xeito, o Goberno galego colabora co concello para levar a cabo actuacións nas súas infraestruturas municipais, neste caso, nas súas instalacións deportivas. Por unha banda, as axudas da Xunta contribuiron a reparar as filtracións que se producen no pavillón a través da cuberta, polo que se substituiron os elementos en mal estado e renovaronse os canalóns e baixantes para permitir a evacuación da auga. Ademais, no campo de fútbol demoleuse unha edificación auxiliar que se reconstrue ampliándoa para dotar de maior superficie ao recinto.
Xunto con estas actuacións, a Xunta tamén financiou este ano o subministro de contedores para a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos, envases e plásticos, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. O apoio da Administración autonómica ao municipio neste exercicio supuxo un investimento de máis de 28.700 euros, que se integran nos case 426.000 euros que a Xunta leva investidos en Touro nos últimos anos para executar melloras ambientais e de infraestruturas.
Así, entre as actuacións financiadas polo Goberno galego no concello destacan melloras en instalacións deportivas como as visitadas hoxe, a reparación de beirarrúas, o mantemento e o equipamento de varias áreas recreativas, actuacións en parques infantís ou traballos para garantir o abastecemento de auga en distintos núcleos do concello. Trátase de melloras financiadas polo Goberno galego nestes anos mediante acordos ou subvencións como o Fondo de Compensación Ambiental, que este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, ou a Orde de Infraestruturas de uso público, que na convocatoria deste exercicio dispón de catro millóns de euros, un millón máis que o ano pasado.
Natalia Prieto explicou que son actuacións que redundan no benestar dos cidadáns e que ás entidades locais lles sería máis complicado executar en solitario, de aí a importancia da colaboración entre administracións, como a que vén mantendo a Xunta cos concellos galegos para axudarlles a realizar os seus proxectos.