Friday 22 de November de 2024

O DOG publica o expediente de incoación do BIC da Biblioteca de Pardo Bazán que supón a protección inmediata de 10.855 volumes


A colección está composta por 7.883 volumes custodiados na sede da Real Academia Galega e 2.972 rexistros que continúan aínda no interior de Meirás

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, o que supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a protección inmediata de un total de 10.855 volumes pertencentes a colección da escritora.
Concretamente, a declaración como BIC afecta a preto de 11.000 libros, dos cales 7.883 están custodiados na sede da Real Academia Galega (RAG), mentres que 2.972 rexistros que continúan no interior das Torres de Meirás. Ademais, o texto tamén contempla a posibilidade de que a este número poidan sumarse outros volumes que, segundo a documentación achegada pola RAG na súa solicitude, poderían estar actualmente en localizacións descoñecidas. Deste xeito, se nalgún momento aparecese un libro non identificado e se constatara a súa pertenza, estaría automaticamente protexido.
Por outra banda, a documentación recolle que todos os libros pertencentes a esta biblioteca posúen un cuño de cor vermella cumprimentado a man coa situación topográfica dos libros encargado polo primoxénito da escritora que permite reconstruír a colocación dos volumes nas diferentes estancias do edificio. Este cuño corresponde a un ficheiro alfabético organizado por autores e almacenado na biblioteca da planta baixa das Torres de Meirás, o que pode ser a pegada máis definida da biblioteca completa.
A incoación deste expediente é posible porque a biblioteca de Pardo Bazán reúne as características necesarias do patrimonio bibliográfico debido ao seu carácter sobranceiro, ao valor singular dos exemplares que a compoñen e a que a está ligada á figura de Emilia Pardo Bazán. Neste sentido, a súa publicación supón tanto a aplicación inmediata, provisional ata a súa aprobación definitiva nun prazo máximo de dous anos seguindo a lexislación, do réxime de protección previsto na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia como o que se establece na Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español en materia de exportación e espolio. Supón, por iso, a máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.
Ademais, a apertura do procedemento implicará a súa anotación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural de Galicia da Administración do Estado. A incoación supón tamén a obriga de garantir o acceso á colección por parte da cidadanía.
Tesouros literarios e notas da escritora
A maior parte da colección son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a esta protagonista da vida intelectual da súa época e tamén existen publicacións que conteñen subliñados e anotacións nas marxes, coa letra da autora, o que os converte en únicos. Entre as obras, hai tesouros como o libro de Saavedra Fajardo Empresas Políticas (1648) ou primeiras edicións de Voltaire do século XVIII, ás que alude a autora na súa obra Los pazos de Ulloa e dos que probablemente o seu primeiro dono fora o seu avó Miguel Pardo Bazán.
Así mesmo, a documentación elaborada tamén recolle que a excepción dalgúns volumes localizados no domicilio familiar da Coruña, a totalidade dos exemplares que compoñen a biblioteca de Emilia Pardo Bazán estaban situados nas Torres de Meirás ata o incendio producido en 1978 e que afectou a moitos dos volumes, nalgúns casos mesmo con carácter crítico e irreparable.