Monday 25 de November de 2024

O Concello reclámalle á Xunta axudas para o sector do marisqueo mentres duren os traballos de dragaxe da ría


A Mesa da Ría esixe nunha declaración a creación dunha comisión de seguimento das obras

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, participou esta mañá nunha xuntanza da Mesa da Ría do Burgo, integrada por representantes dos concellos da Coruña, Cambre e Culleredo, da Confraría de Pescadores da Coruña, da Universidade e da Plataforma en Defensa da Ría co obxectivo de reclamarlles ao Goberno autonómico e o Goberno do Estado axudas para as e os mariscadores de a pé e a flote, e que deste xeito, poidan paliar as perdas económicas que lles supón a paralización da súa actividade durante o tempo que se prologuen as obras de dragaxe da ría. “A Mesa entende que estas axudas deberán manterse até que se garantan as condicións óptimas para levar a cabo os labores de marisqueo”, explicou a concelleira, quen lembrou que é a Xunta quen ten as competencias no ámbito do marisqueo.

Recentemente a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou a aprobación definitiva do proxecto de rexeneración da ría do Burgo e afirmou que supón plasmar o “compromiso” do Goberno central coa dragaxe e agora entende que é prioritaria unha axuda para o sector mentres teña lugar a actuación.

Fontán aseguroulles ás familias que viven do marisqueo na ría que o Goberno local apoia todas as súas reclamacións por entender que se verán gravemente prexudicadas ao non poder contar con ingresos durante o tempo en que se realicen os traballos.
Na reunión as persoas participantes firmaron unha declaración para instar a ambas as administracións a que atendan as alegacións formuladas pola Mesa en marzo de 2016 e que inclúen tamén a creación dunha comisión de seguimento dos traballos en que estean representadas as entidades implicadas no proxecto de rexeneración: Ministerio Medio Ambiente, Consellerías do Mar e Medio Ambiente, a Confraría de Pescadores da Coruña, os concellos da Coruña, Culleredo, Cambre, a Plataforma en Defensa da Ría e a Universidade da Coruña.