Friday 22 de November de 2024

O Concello abre un novo Equipo de Atención Social que cubre unha área de poboación de preto de 12.000 persoas


A alcaldesa sinalou que a posta en funcionamento deste equipo responde á política de descentralizar os servizos sociais que leva a cabo o Goberno local para que a atención chegue a todos os barrios

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, visitaron esta mañá o Centro Cívico de Novoboandanza no barrio do Ventorrillo para coñecer as persoas traballadoras do novo Equipo de Atención Social que pon en funcionamento o Concello, co obxectivo de ampliar e reforzar a atención ás persoas e colectivos vulnerables na peor crise social dos últimos anos. Servizos Sociais, explicou a rexedora, dispón dunha sólida estrutura capaz de responder con eficacia e celeridade ás demandas da cidadanía, “e a apertura dun novo EAS para lles axudar ás persoas en risco é unha proba diso”.

Sinalou que o novo equipo, que cubrirá un ámbito de poboación de preto de 12.000 persoas, responde á política de descentralización dos servizos sociais que leva a cabo o Goberno local “co obxectivo de lle dar á cidadanía unha resposta máis rápida e máis efectiva ás súas necesidades”. Neste senso, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, explicou que o Goberno local ten como prioridade seguir avanzando na descentralización dos servizos e, por iso, non descarta pór en marcha máis equipos “pero primeiro haberá que comprobar como funciona este novo centro que servirá para desconxestionar os centros dos Mallos e Labañou”.

Durante o encontro co persoal traballador, a alcaldesa sinalou que con esta apertura “ponse de manifesto, unha vez máis, o compromiso da Concellaría de Benestar Social e do Goberno local para que ninguén quede atrás na crise social derivada da crise económica da COVID-19”.

O novo equipo, que estará en primeira liña asistindo as familias coruñesas, daralle prioridade á atención de persoas e colectivos en situación de urxencia, persoas maiores ou dependentes sen apoio da contorna familiar. Desde este equipo dáselle a primeira atención ás demandas da cidadanía en materia de servizos sociais e doutros sistemas de protección social, así como a atención socioeducativa que corresponde en cada caso particular.

Os responsables municipais elixiron este centro cívico para reforzar o persoal traballador tras un estudo sobre as necesidades reais da cidadanía.

Novoboandanza está situada entre as áreas de influencia dos EAS dos Mallos e Labañou. Os dous EAS comprenden unha poboación de 96.409 persoas, o 39% da poboación da cidade. O novo equipo atenderá nun primeiro momento o 13% da poboación que vive na contorna destes dous centros.

Os seus niveis de tramitación son os máis altos dos cinco equipos existentes (San Diego, Elviña, Mallos, Labañou e Monte Alto). Canto ás tramitacións de axudas de emerxencia, axudas do programa A flote ou de inclusión social da Xunta, desde o 1 de xaneiro ata o 11 de novembro, os dous EAS tramitaron 872, un 39%, do total dos cinco equipos da cidade. Canto ás solicitudes periódicas tramitáronse 781 das 1.477 activas nestes momentos na Coruña. Con este equipo xa son seis os que traballarán na cidade para xestionar os programas que desenvolve a Concellería de Benestar Social. O equipo estará integrando inicialmente por cinco persoas, tres traballadoras sociais, unha técnica de apoio social e unha auxiliar de atención cidadá. O centro cívico alberga un centro de día e un comedor social que lles reparte cada día un total de 170 menús ás familias con menos recursos.