Friday 22 de November de 2024

Os participantes no proxecto Inicia V participan nun obradoiro de sensibilización e prevención das adiccións


Servizos Sociais tamén programou unha sesión virtual sobre adiccións tecnolóxicas dirixida a familias e ANPAs
O alumnado do obradoiro de emprego Inicia V que se desenvolve na nave de San Marcos participará ao longo desta semana no programa “Non pasa nada, pasa algo?”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Trátase dunha actividade encamiñada a manexar unha información obxectiva e veraz que lles axude aos participantes no obradoiro -todos e todas xente nova- a “adoptar decisións autónomas e responsables en beneficio propio e no ámbito laboral, reforzando actuacións preventivas”.

O programa está enmarcado no proxecto de prevención de condutas adictivas que levan a cabo conxuntamente os concellos de Fene, Neda e Mugardos e subvencionado pola Consellería de Sanidade.

Esta actuación está encamiñada a mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada debido, segundo explican desde Servizos Sociais, “á baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de sustancias e comportamentos adictivos”. “Esa é a razón de que teña tanto sentido informar á mocidade, para axudarlle a entender as características xerais do problema e as súas implicacións na sociedade. Tamén queremos desterrar prexuízos e favorecer un maior coñecemento nesta materia”, destaca concelleira responsable do departamento, Mari Carmen Rodríguez.

Neste sentido, a actuación proposta ten marcados como principais obxectivos a sensibilización contra o alcol, o cannabis e outras substancias, ademais de tratar tamén as ludopatías. Incidirase principalmente nos riscos que significan esas adiccións e, ademais, no contexto do obradoiro do emprego, tamén se abordarán as consecuencias e os perigos de traballar baixo os efectos de calquera tipo de substancia estupefaciente.

A sesión impartiraa unha profesional de ASFEDRO en colaboración coa pedagoga municipal.

Traballo coas ANPAs
Por outra banda, a área de Servizos Sociais tamén organizou unha sesión formativa por videoconferencia dirixida a familias e equipos directivos das ANPAs do territorio que tamén abordará as condutas adictivas, aínda que máis centrada naquelas que se relacionan co uso das TIC.

No encontro virtual que se desenvolverá a través da plataforma Jitsi este xoves a partir das 16.30h. falarase do poder das novas tecnoloxías da información e da comunicación -especialmente das redes sociais-, pero tamén da comunicación dixital na familia e das normas sobre o seu uso, que deben estar presididas pola educación e o acompañamento como claves para previr adiccións.

A sesión está limitada a un máximo de 15 participantes, que deberán inscribirse a través do enderezo electrónico servizos.sociais@fene.gal.e dispor de conta na plataforma de xuntanzas en liña.