Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño dedica cerca de 100.000 euros a infraestruturas relacionadas coa auga e o saneamento


Se onte falabamos de que o aforro enerxético é unha das maneiras de cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, hoxe tócanos referirnos ás accións que teñen que ver co ciclo da auga, recollidas no obxectivo nº6 -auga limpa e saneamento- e nº 14 -vida submarina e subacuática-, e ver como algunhas delas xa se están levando a cabo. E é que o Concello de San Sadurniño rematará este 2020 con preto de 100.000 euros investidos en melloras na rede de saneamento municipal e tamén na ampliación do servizo municipal de abastecemento de augas. Parte dos proxectos xa están executados con cofinanciamento doutras administracións e, noutros casos, levaranse a cabo con fondos propios.

Un dos máis visibles é o que se desenvolve desde hai uns días na zona do Outeiro, no casco urbano de San Sadurniño. Alí o Concello está reparando a rede de sumidoiros nun tramo de 120 metros á beira da AC-862. Os traballos obrigaron a cortar un dos carrís da vía durante varios días e consisten na substitución das antigas canalizacións de fibrocemento por outras novas de PVC de maior diámetro e durabilidade, ao tempo que se aproveitou para cambiar tamén as tubaxes do abastecemento de auga potable. O investimento ascende a arredor de 14.400 euros.

En relación coa rede municipal de augas, o Concello tamén ten previsto dedicar cerca de 9.000 euros á instalación de equipamento de automatización e telecontrol da estación depuradora da Agra de Arriba, de maneira que se poidan ter datos en tempo real sobre o caudal de saída -o que permitirá detectar posibles fugas na rede-, pero tamén facer que os parámetros de cloración se regulen de forma autónoma con medicións constantes. Na práctica trátase de que a ETAP funcione por si mesma, sen necesidade dunha vixilancia constante por parte do persoal municipal, e que tamén sexa ela quen avise a distancia se detecta calquera problema na calidade da auga.

O investimento na Agra de Arriba acompañarase neste 2020 co remate do proxecto de abastecemento no Camiño Arriba. O ano pasado construiuse alí unha captación con capacidade de sobra para subministrar auga de calidade a toda a zona e, máis recentemente, investíronse 38.000 euros -34.000 procedentes do Fondo Ambiental- nunha primeira fase de extensión da rede. O seguinte paso será completar as canalizacións para darlle servizo a un total de 125 veciñas e veciños e tamén a instalación dun equipamento de cloración e bombeo que, en conxunto, suporán outros 38.000 euros de investimento, sufragados con recursos económicos propios.

O Concello e máis a veciñanza falaron en repetidas ocasións da posibilidade de que a rede se xestionase como unha traída comunitaria, unha decisión que se tomará tan pronto como rematen as obras. En Igrexafeita -outro dos lugares onde se solicitou a colaboración do Concello para solventar os problemas coa auga- a veciñanza xa acordou no verán crear unha comunidade para captar auga na zona da Curuxa e levala ás vivendas do Camiño Grande, as máis afectadas pola mineralización excesiva dos pozos.

Cómpre lembrar, por outra banda, que o Concello lle facilitou a Narón a conexión de varias vivendas da zona limítrofe de Pedroso á EDAR de Cornide a cambio de que a empresa xestora da auga naronesa se encargue do control periódico do funcionamento das instalacións da depuradora. Este convenio suscrito en agosto encadraríase, ademais, nas accións para cumprir co obxectivo 17 dos ODS da ONU, que fala da necesidade de establecer alianzas para alcanzar todos os obxectivos de desenvolvemento sostible no horizonte do 2030.