Enmarcado no bloque de programación teatral destinada a maiores de 16 para esta tempada de outono/inverno, a compañía Señora Supina representará sobre as táboas do Elma no domingo 29, ás 19.00 horas, a peza Cinco mulleres que comen tortilla.
Trasladará o público á América de 1956, coa Sociedad de Susan B. Anthony das Irmás de Gertrude Stein celebrando o seu tradicional concurso anual de tortillas.
Este encontro, en que renderán culto ao ovo, verase truncado cando as mulleres teñan que se enfrontar á caída dunha bomba atómica na súa localidade. Son as últimas superviventes e o medo trae confesións e historias do pasado que farán que cada vez se reafirmen máis na idea de que a tortilla é o máis importante que teñen nas súas vidas.
Preséntase así unha comedia delirante e enxeñosa, onde se reivindican os principios do colectivo LGBTI e das mulleres homosexuais a través do humor. A liberdade, a relixión, o feminismo, as moralidades, o medo ao descoñecido son os motores desta obra na cal se integra o público dende que entra pola porta, asignándolle un nome a cada unha das persoas espectadoras, quen así son unha máis das irmás, unha máis das viúvas convidadas ao referido concurso de tortillas.
Baixo a dirección de Javier Lojo e a escenografía de Vanesa Regengo, o elenco está composto por Nola Drake, Laura Quintas, Alba Outeda, Gabi Modesto e Raquel Ferraz.
Trátase dunha actividade de balde organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deben formaliza-la súa reserva na casa da cultura
e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.