Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche manterá con recursos propios as horas extraordinarias de SAF que a Xunta suspenderá a finais de mes


A declaración do primeiro estado de alarma, aló por mediados de marzo, obrigou a reordenar o Servizo de Axuda no Fogar para adaptalo a unha nova situación en que se incrementou o número de persoas usuarias. Nun primeiro momento foi necesario enfocar o servizo só a persoas dependentes, aínda que na primeira semana de abril púidose restablecer tamén a atención de libre concorrencia. Nestes medios, a Xunta habilitou unha partida de horas extraordinarias para o financiamento SAF mentres durase a Emerxencia Sanitaria en Galicia. Malia non termos saído aínda da crise, a Consellaría de Política Social xa lle comunicou ao Concello que esa achega extraordinaria vai rematar o día 30 deste mes. Porén, o consistorio continuará ofrecendo o servizo como ata agora, asumindo o sobrecuste con recursos propios.

A raíz do primeiro estado de alarma, Moeche, ao igual que outros muncipios, debeu reconfigurar o funcionamento do SAF para garantir a seguridade do persoal e dos usuarios; pero tamén para darlle resposta a unha maior demanda do servizo, motivada entre outras razóns polo peche do Centro de Día de San Sadurniño. Naquel momento había 30 beneficiarias -13 dependentes e 17 acollidas á libre concorrencia, parte delas agardando pola declaración de dependencia- e, a maiores, ofertóuselle o servizo a outras sete persoas que acudían a San Sadurniño e que, por causa do confinamento, deberon permanecer na casa.

“Houbo que reaccionar rápido e buscar solucións”, comenta Beatriz Bascoy. A alcaldesa explica que a Xunta de Galicia asignou 272 horas de prestación extraordinaria condicionada a que se tratase de casos urxentes detectados despois do 14 de marzo. O compromiso era pagarlle ao Concello 12 euros por hora de servizo desde maio ata o 30 de novembro. “De momento non percibimos ningunha cantidade, a pesar de que tivemos que asumir o aumento de usuarios e usuarias e tamén o custe completo da hora de atención, para o que tamén contamos cunha axuda da Deputación da Coruña que se segue mantendo”.

Entre a colaboración autonómica e provincial, Moeche puido prestarlle o servizo a 10 persoas e contratar dúas traballadoras durante 25 horas á semana cada unha. Catro das cinco persoas usuarias afectadas pola próxima suspensión da axuda por parte da Xunta de Galicia solicitaron estes días que se lles mantivese o servizo “porque o necesitan, dadas as súas circunstancias”, comenta Bascoy. A alcaldesa lamenta que a Consellaría de Política Social “peche o financiamento extraordinario neste momento en que seguimos tendo que atender a dependentes e persoas maiores. A crise non pasou e o número de usuarias e usuarias segue estando na mesma media que durante os momentos do confinamento”.

Ante o anuncio da Xunta de finalizar o 30 de novembro o financiamento extraordinario do SAF, “que suporía deixar estas persoas sen servizo”, o Concello xa lles trasladou ás usuarias que “van seguir sendo atendidas como ata agora”. O servizo continuará manténdose con recursos propios e cunha parte da axuda extraordinaria da Deputación da Coruña, a través da que se puido contratar hai uns meses outra auxiliar e cubrir a atención de cinco persoas.