No marco destes controis os axentes realizaron 54 inspeccións en once concellos da provincia coruñesa, nas que identificaron a 33 persoas
Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante esta fin de semana 26 dispositivos na provincia da Coruña no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron 54 inspeccións en once concellos da provincia na pasada fin de semana, que deron como resultado a identificación de 33 persoas e a tramitación de 29 actas de infracción.
En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 21 ao 22 de novembro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Leváronse a cabo dispositivos en nove municipios da provincia en Ames, A Coruña, Noia e Santiago de Compostela.
No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron en 117 operativos cun total de 139 inspeccións, con máis de 599 persoas identificadas e 59 denuncias tramitadas.
Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.