Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño adxudica en cerca de 57.000 euros o cambio a LED de todo o centro urbano do municipio


A empresa TECNORED S.A. resultou adxudicataria do contrato para a subministración e instalación de novos farois led no centro urbano de San Sadurniño. O traballo consistirá non só na substitución dos puntos de luz antigos por outros máis aforradores e que ofrezan mellores condicións de lumínicas, senón tamén na ampliación da rede a espazos que non dispuñan neste momento de ningún tipo de alumeado. O contrato asinado hai uns días establece un prezo de 56.950,10 euros -ive incluído- e un prazo máximo de execución de algo máis de seis semanas, que seguramente se verá reducido se o bo tempo acompaña. As obras fináncianse con cargo ao POS Adicional 2019 e, segundo os pregos elaborados pola FAEPAC, estímase que o paso ao led suporá un aforro na factura da luz superior ao 75%.

O proxecto encádrase nas políticas de aforro enerxético que está levando adiante o Concello desde hai varios anos, reforzadas agora co compromiso municipal cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU no horizonte do ano 2030. Dous deses obxectivos -o nº 11 e o nº 12- refírense ás cidades e comunidades sostibles e á produción e consumo responsables e, para alcanzalos, cómpre poñer en práctica, entre outras, medidas de aforro enerxético que contribúan a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

En San Sadurniño séguese pouco a pouco ese camiño con accións como a reordenación da rede de iluminación pública por medio da unificación de subministracións e caixas de control e tamén cambiando puntos de luz de escasa eficiencia por outros baseados na tecnoloxía led.

Este tipo de iluminación xa está instalada nas liñas principais de varias parroquias e, preto do centro urbano, na praza e no entorno do convento do Rosario, nos xardíns municipais e no traxecto desde Cornide até o Outeiro. Agora o que se vai facer é ampliala a toda a avenida Marqués de Figueroa -incluídas adxacentes-, á zona da Agra de Arriba, o Enxerto, Currás e a nova rúa que comunica o Centro de Saúde co CPI.

Serán un total de 155 puntos de luz entre os que se van reformar e os que se instalarán onde antes non había. E non só iso, senón que o proxecto deseñado pola Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña -organismo dependente da Deputación- tamén recolle substituír tramos de cableado, redistribuír os cadros de mando, reducir o número de subministracións e modificar os contratos por outros con tarifas máis vantaxosas, posto que o led non precisa tanta potencia para funcionar. O estudo da FAEPAC avanza que a potencia activa instalada pasará de 17,17 a 5,45 kW (case un 70% menos).

Neste momento o consumo anual de todos eses alumeados anda nos 87.800 kWh que, tralo cambio, se verán rebaixados a tan só 20.900 kWh. Estímase que cos prezos actuais da luz o Concello pasaría dos 18.446 euros de gasto anual en electricidade a algo menos de 4.400. É dicir, o custe do investimento na obra recuperaríase -teoricamente- en pouco máis de catro anos.

O Concello licitou durante o verán o proxecto cun prezo de saída de 67.000 euros ive incluído. Ao remate do proceso o contrato recaeu en TECNORED S.A. cunha oferta económica que rebaixou en 10.000 euros ese importe e que, ademais, estableceu un prazo máximo de 45 días para efectuar os traballos. Trala sinatura do contrato o pasado 11 de novembro, a empresa e o consistorio certificaron o inicio da obra a mediados da semana pasada, co que se agarda que poida estar completada para o Nadal. O proxecto financiarase con cargo ao POS Adicional 2019 da Deputación da Coruña.