Friday 22 de November de 2024

Xunta e RAG presental o expediente na incoación do BIC da Biblioteca Pardo Bazán, que protexe 10.855 volumes


Publicarase no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana e suporá a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentaron hoxe na sede da RAG o expediente de incoación do procedemento para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, o que suporá a protección inmediata un total de 10.855 volumes.
O titular de Cultura da Xunta explicou que a biblioteca de Pardo Bazán reúne as características do patrimonio bibliográfico debido ao seu “carácter sobranceiro, pola figura á que está ligada e polo valor singular de todos os exemplares que a compoñen”. Neste sentido, detallou que a declaración como BIC afectará a preto de 11.000 libros, dos cales 7.883 están custodiados na sede da RAG e 2.972 rexistros que continúan no interior das Torres de Meirás.
A este número poderían sumarse, segundo a documentación achegada pola RAG na súa solicitude, outros volumes que actualmente poderían estar en localizacións descoñecidas.
Cun carácter preventivo, a fin de que calquera outro exemplar de biblioteca quede protexido no futuro, o expediente ten este aspecto en conta. Dese xeito, se nalgún momento aparecese un libro non identificado e se constatara a súa pertenza, estaría automaticamente protexido.
Ficheiro nas Torres de Meirás
Así mesmo, Román Rodríguez explicou que o expediente que inicia o procedemento de declaración da biblioteca, que será publicado no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana, tamén recolle que todos os libros pertencentes a esta biblioteca posúen un cuño de cor vermella cumprimentado a man coa situación topográfica dos libros encargado polo primoxénito da escritora que permite reconstruír a colocación dos volumes nas diferentes estancias do edificio. Este cuño corresponde a un ficheiro alfabético organizado por autores e almacenado na biblioteca da planta baixa das Torres de Meirás, o que pode ser a pegada máis definida da biblioteca completa.

Máxima axilidade no proceso
Román Rodríguez agradeceu aos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o seu esforzo por axilizar ao máximo esta declaración, logo de que fose acordado polo presidente da Xunta e da RAG nunha reunión mantida o pasado día 9 de novembro.
A incoación do expediente supón tanto a aplicación inmediata, provisional ata a súa aprobación definitiva nun prazo máximo de dous anos seguindo a lexislación, do réxime de protección previsto na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia como o que se establece na Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español en materia de exportación e espolio. Supón, por iso, a máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.
Ademais, a apertura do procedemento implicará a súa anotación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural de Galicia da Administración do Estado. A incoación supón tamén a obriga de garantir o acceso á colección por parte da cidadanía.
Tesouros literarios e notas da escritora
A maior parte da colección son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a esta protagonista da vida intelectual da súa época e tamén existen publicacións que conteñen subliñados e anotacións nas marxes, coa letra da autora, o que os converte en únicos. Entre as obras, hai tesouros como o libro de Saavedra Fajardo
Empresas Políticas (1648) ou primeiras edicións de Voltaire do século XVIII, ás que alude a autora na súa obra Los pazos de Ulloa e dos que probablemente o seu primeiro dono fora o seu avó Miguel Pardo Bazán.
Así mesmo, a documentación elaborada tamén recolle que a excepción dalgúns volumes localizados no domicilio familiar da Coruña, a totalidade dos exemplares que compoñen a biblioteca de Emilia Pardo Bazán estaban situados nas Torres de Meirás ata o incendio producido en 1978 e que afectou a moitos dos volumes, nalgúns casos mesmo con carácter crítico e irreparable.
Defensa do patrimonio público
“A Xunta de Galicia continúa traballando na defensa do patrimonio público”, declarou o conselleiro de Cultura na visita á RAG. Como recordou, Galicia iniciou, cun amplo consenso, o proceso para que o Pazo de Meirás volvese ser patrimonio de todos os galegos e tras a sentencia favorable, solicitou ao Goberno central xestionar este ben. Agora, o Goberno galego está traballando nun plan de usos plural que converta Meirás “no faro da igualdade de Galicia e España e potencie o papel da muller na creación intelectual sen esquecer que alí viviu un ditador”. A Xunta ten solicitado ao Goberno central a cesión da súa xestión: “Queremos que volva a mans dos galegos e que recupere o seu significado orixinal, o que lle quixo dar precisamente unha muller, Emilia Pardo Bazán, que creou Meirás cun sentido e o franquismo acabou con el”.
Este plan reivindicará o entendemento e a concordia, garantirá a apertura do ben á cidadanía e explicará a historia do Pazo, engadiu. “O futuro de Meirás témolo que deseñar entre todos”, subliñou. Neste sentido, recordou que este plan será un punto de partida para poder desenvolvelo posteriormente cun proceso participativo e aberto.