Friday 22 de November de 2024

O Concello adherirase ao Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES)


Este ten por obxecto dar cumprimento aos compromisos adquiridos como concello asinante do Pacto de Alcaldías para o Clima e a Enerxía.
O Concello de Miño adherirase ao Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que ten por obxecto dar cumprimento aos compromisos adquiridos como concello asinante do Pacto de Alcaldías para o Clima e a Enerxía.
O Pacto das Alcaldías naceu en 2008 impulsado pola Comisión Europea, e reúne a aquelas autoridades locais e rexionais que, de maneira voluntaria, se corresponsabilizan para alcanzar no seu territorio os
obxectivos en materia de clima e enerxía da Unión Europea.
En 2016, o Pacto das Alcaldías únese a outra iniciativa a nivel local, a Coalición de Alcaldes, dando lugar
ao maior movemento de gobernos loacles comprometidos a superar os propios obxectivos nacionais en materia de clima e enerxía. Hoxe en día agrupa a máis de 7.000 autoridades locais de 57 países.
As administracións que asinaron este pacto, entre as que se atopa o Concello de Miño, comprométense
a actuar para apoiar a aplicación do obxectivo europeo de reducir os gases de efecto invernadoiro nun 40% ata 2030 e adoptar un enfoque común para promover a mitigación e adaptación ao cambio climático.
Por tanto, e mediante a adhesión a este pacto, o goberno local comprométese a reducir as emisións
de C02 nun 40% antes do 2030; mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e servizos municipais,
así como aumentar o uso de fontes enerxéticas renovables; aumentar a porcentaxe de enerxía renovable
consumida no municipio; fomentar o autoabastecimiento enerxético dos edificios residenciais ou
fomentar modos de mobilidade alternativos.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, sinala que “o noso obxectivo é avanzar de maneira integral
cara un Miño máis sostible, respectuoso co medio ambiente e no que a natureza sexa protagonista”, achega o rexedor, quen engade que “continuaremos coa nosa liña de traballo e a aposta pola integración da contorna natural no noso día a día, como xa fixemos e faremos en proxectos como a Fraga do Xarío ou as futuras sendas que conectarán Ponte do Porco coa praia da Ribeira, o porto coa Praia Grande, ou as proxectadas para bordear as Marismas ou a que enlazaría Bañobre co centro urbano ”, remarcou Faraldo.