Friday 22 de November de 2024

O alcalde de Oroso constata a boa calidade das augas saídas da EDAR de Sigüeiro e anuncia melloras na automatización da planta


Manuel Mirás visitou esta mañá as instalacións acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente e Obras, así como por técnicos da empresa concesionaria do servizo integral de auga en Oroso

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e os concelleiros de Medio Ambiente, Xosé Castro; e Obras, Eduardo Veiras, visitaron esta mañá as instalacións da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Sigüeiro, acompañados por técnicos de ViAQUA, empresa concesionaria do servizo integral de auga no municipio e encargada da xestión da EDAR dende 2002. Unha visita na que Manuel Mirás puido constatar “tanto a boa calidade da auga tratada que se verte ao río Tambre unha vez depurada, dando cumprimento á lexislación vixente, como o correcto estado da instalación, aínda que é susceptible dalgunhas melloras”.

Así, o alcalde orosán explicou que a EDAR de Sigüeiro, que entrou en funcionamento no ano 2000 e que trata as augas residuais procedentes dos núcleos de Sigüeiro e Oroso, precisa dunha actuación de mellora no sistema de desbaste e no sistema de aireación no reactor biolóxico, froito do lóxico desgaste da instalación nestes anos, así como dunha actuación para mellorar o nivel de automatización das instalacións, que se foi quedando algo obsoleto co paso do tempo. “Hoxe constatamos cos técnicos que, pese a que a calidade das augas depuradas é boa, estas melloras son precisas para o futuro da instalación”, indicou Mirás Franqueira.

Obras realizadas

O Concello de Oroso xa investira 140.000 euros no ano 2008 na mellora das instalacións da EDAR de Sigüeiro, uns traballos que permitiron adaptala á nova normativa de vertidos e dar servizo a un maior número de usuarios. Deste xeito, a EDAR de Sigüeiro ampliou a súa capacidade e pasou de 3.900 usuarios aos 4.500 actuais, pudendo así incorporar localidades como A Estación de Oroso.

Eses 140.000 euros permitiron a renovación do sistema de desbaste, o que permitiu mellorar as características do auga e evitou o paso de lixos sólidos ás bombas de cabeceira (que causaban atascos e avarías nas mesmas). Tamén se substituíu a parrilla de difusores de aire por unha nova, se repararon os equipos de tratamento terciario mediante raios ultravioleta e se executou unha cuberta para o contedor de recollida de fangos deshidratados.