A alcaldesa participou esta tarde xunto con parte da corporación municipal nunha cadea humana até a Cociña Económica organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña dentro dunha xornada en que o colectivo recolleu máis de 30 toneladas de comida para o Banco de Alimentos
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta tarde xunto con parte da corporación municipal nunha cadea humana até a Cociña Económica organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de
A Coruña. Con este acto simbólico, o colectivo pechou unha xornada solidaria en que recolleu en María Pita máis de 30 toneladas de comida para o Banco de Alimentos. A rexedora destacou o xesto do sector que volveu á praza na que se manifestou hai unhas semanas “para doar os seus produtos coa incerteza ás costas”.
Rey falou de que esa mesma solidariedade que hoxe nos demostran con esta iniciativa está tamén na cidadanía que acode a eles para lles formalizar pedidos estes días e a que regresou a poboar as súas mesas no verán: “Foi tamén a que fixo que moitos de vós pecharades de forma voluntaria porque non viades a vosa clientela segura”. Neste sentido, Rey afirmou que “desde María Pita temos que gobernar para todos, pero co foco posto nos sectores máis afectados pola crise”.
Engadiu que nesta praza que escoita “as vosas reivindicacións e entende as vosas queixas e medos, seredes sempre unha das nosas prioridades”.
Pola súa banda, o presidente da asociación hostaleira, Héctor Cañete, destacou o grande esforzo realizado polas súas compañeiras e compañeiros co fin de recompilaren toda a mercadoría que non poderán preparar nos seus negocios hoxe pechados.