Hoxe é o Día Internacional da Infancia. Unha data que en Moeche ata non hai moito tempo se celebraba mediante un pleno simbólico con intervención das nenas e nenos e, máis recentemente, desde que existe o Consello Local da Infancia e a Adolescencia, cun pleno con todas as da lei: coa súa acta da sesión anterior, cos seus temas para tratar e incluso coa participación dos grupos políticos da corporación municipal. O ano pasado a sesión estivo chea de propostas arredor da defensa do Galego achegadas polo propio CLIA e pola rapazada do CEIP San Ramón. Hoxe as iniciativas dos nenos e nenas estiveron todas marcadas por unha mensaxe ambiental e pola encomenda ao Concello de que leve adiante distintas actuacións que contribúan a garantir o futuro do planeta. Ademais, ao remate do pleno tamén se entregaron os premios do concurso fotográfico convocado polo Consello Local da Infancia e a Adolescencia para chamar a atención sobre as agresións que sofre o ambiente nos lugares máis próximos.
O pleno abriuno a alcaldesa, Beatriz Bascoy, recordando o significado deste día en que se conmemora a suscrición da convención dos dereitos dos nenos e nenas. A rexedora referiuse tamén ás circunstancias actuais, que obrigaron a celebrar a sesión de maneira virtual, coa maioría de participantes -rapazada da escola, membros da ANPA e a representante do PP, Noelia Castro- e só unhas cantas persoas de maneira presencial na sala: a alcaldesa, dúas representantes do CLIA, a técnica municipal Raquel Novo e as tres persoas premiadas no concurso fotográfico que acudiron recoller os seus galardóns.
Beatriz Bascoy dixo que a crise sanitaria provocou en certo modo “unha perda de dereitos” dos nenos e nenas “que non podedes estar aquí, nin xogar xuntos coma antes” e, neste sentido, quixo felicitar aos pequenos de Moeche pola “responsabilidade” que estaban mostrando día a día no cumprimento das medidas preventivas.
A rexedora deulle paso, deseguido, aos distintos cursos do CEIP San Ramón, desde onde se fixeron varias propostas que, neste 2020, estiveron centradas no ambiente e na adopción de políticas que permitan acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU no horizonte de dez anos.
A cativería máis pequena, a de 1º e 2º, foi ao práctico e baixo a premisa de que “nos gusta moito coidar o ambiente” varreron para a casa solicitando do Concello a plantación de “flores e arbustos” nos espazos de xogo do centro de ensino “para que teña cor e se vexa máis bonito”. Os cursos de 3º e 4º primaria “conscientes da crise climática” propuxeron que tanto no colexio como noutros puntos do municipio se instalen “luces de baixo consumo” -algo que o consistorio xa está levando a cabo aos poucos-, pero tamén que se poñan en marcha talleres de reciclaxe.
Os nenos e nenas maiores, de 5º e 6º, lanzaron tamén propostas moi elaboradas “para o coidado dos ecosistemas”, como por exemplo organizar limpezas sistemáticas en puntos onde poida haber ciscados refugallos ou incluso nos cauces. Unha iniciativa dirixida a toda a veciñanza e en especial á xente da súa idade “para que xa desde pequenos tomemos conciencia do respecto polo ambiente”. Neste sentido tamén pediron que a esas campañas se lle dea difusión a través de distintos medios para alcanzar a máxima implicación social.
Máis trasfondo tivo a intervención dos dous representantes do CLIA, que repetiron por videoconferencia varios dos conceptos expostos a principios da semana no Parlamento de Galicia. O seu argumentario centrouse no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e, nomeadamente, na urxencia de empezar a traballar xa en tres deles: o referido ás accións polo clima, o que atinxe á preservación da vida subacuática e, en terceiro lugar, todas aquelas accións que garantan a sostenibilidade dos ecosistemas terrestres.
Os dous poñentes -Zeltia e Carlos- indicaron que a crise sanitaria “deulle un pequeno respiro á Terra”, posto que se reduciron as emisións de gases de efecto invernadoiro por mor do descenso da actividade industrial e do tráfico, pero tamén alertaron dos perigos que supoñen novos residuos “como as luvas e as máscaras” e o seu efecto prexudicial sobre os entornos acuáticos. Ambos representantes reclamaron “máis concienciación” e deixaron unha mensaxe para os maiores: “acordade do planeta que nos ides deixar e o que imos deixar nós a quen veña despois”.
Tralas intervencións da rapazada entregáronse os premios do primeiro concurso de fotografía medioambiental convocado polo grupo de participación infantil do CLIA baixo o título “Mirade máis preto de vós”. O certame -aberto a todas as idades- pedía que se presentasen dúas imaxes de calquera recuncho de Moeche onde se percibise un caso de deterioramento ambiental e, por comparación, tamén unha foto que mostrase “a beleza da natureza en estado puro”.
O primeiro premio foi para Xaquín Ros, o segundo para Sergio Meizoso e o terceiro levouno Vanesa López. Os tres recibiron un diploma e o gañador, ademais, un lote de queixo de Moeche.