Sunday 24 de November de 2024

O Nadal pobrense conta cun concurso de embelecemento de balcóns e fachadas


De cara a unhas datas tan sinaladas como é o Nadal, o Concello da Pobra do Caramiñal convoca a primeira edición do Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas, co que se pretende incrementar a ledicia e vistosidade das rúas. Así o desvelaron o alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela; e a técnica municipal, Sara Sánchez.
A edil Charo Varela manifestou que, con esta iniciativa de cara a unhas datas tan especiais, as cales “implican colaboración, amizade, familia, desfrute, volta á casa”, a Administración local pretende “face-lo un pouco diferente e que sinta o Nadal dende fóra, se respire Nadal en calquera parte da Pobra, en calquera parroquia”. Unha convocatoria que abrangue todo o termo municipal -Santa María a Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, Santo Isidro de Posmarcos, Santa Cruz de Lesón e Santa María do Xobre-, polo que se establece un premio por parroquia consistente nunha cesta valorada en 200 euros e composta de produto local, contribuíndo á dinamización e posta en valor do comercio de proximidade.
Pola súa parte, a técnica municipal, Sara Sánchez, explicou que a finalidade é “sacar o Nadal á rúa, de dar ledicia en cada recuncho da nosa vila porque este Nadal vai ser moi atípico”. As bases están dispoñibles na páxina web www.apobra.gal e as solicitudes de inscrición serán remitidas por correo electrónico a turismoecomerciodapobra@gmail.com ou polo teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035. Será preciso aportar o nome e documento de identidade da persoa participante, enderezo do balcón, fiestra ou fachada e número de teléfono. A data límite para anotarse é no 30 de novembro.
Darase un prazo de 7 días para a ornamentación e entre o 6 de decembro e o 6 de xaneiro -ámbolos dous incluídos- será obrigatorio que permaneza a decoración. As persoas inscritas deberán remitir por correo electrónico dúas fotografías, acompañado do seu enderezo. O resultado deste concurso darase a coñecer no 22 de decembro.
Por último, o rexedor Xosé Lois Piñeiro expuxo a aposta porque as actividades de promoción do comercio no Nadal continúen vixentes no calendario municipal, respectando as medidas implantadas por mor da COVID-19, e sinalou que a iniciativa presentada saíu dunha reunión celebrada co comercio da Pobra. Así mesmo, expresou o seu agradecemento a tódalas persoas que fixeron posible a convocatoria deste concurso, animou á veciñanza a participar e insistiu que así o Nadal tamén “se saca ao rural e que consigamos que teña un efecto visual atractivo para a xente e pensando nos nenos e nenas”.