Xosé Sánchez Bugallo amosou hoxe unha “certa satisfacción” pola baixada das cifras relativas á COVID no municipio. “Sería terrible que o enorme sacrificio que está facendo a cidadanía, e en especial algúns sectores, non se vise compensado”, indicou na comparecencia semanal dos venres, na que tamén valorou moi positivamente os dous acordos que se concretaron no pleno do martes pasado: a aprobación inicial da modificación do PXOM no relativo aos pisos turísticos e o emprego do remantente de tesourería.
O rexedor sinalou que “imos vendo unha redución continuada” de afectados por COVID na cidade o que “nos sitúa nos mesmos datos que na segunda quincena de setembro ou primeira semana de outubro”. Na última semana detectáronse 79 casos positivos, 11 por día, moi por baixo dos 30 que se producían hai 15 días.
Actualmente rexístranse 180 casos activos, fronte “aos 470 que chagamos a ter”. Isto significa unha reducción do 60%, “notable e signficativa, polo que estamos razoablemente esperanzados”, salientou o alcalde, que espera que se a tendencia segue á baixa “a partir do 4 de decembro se poida adoptar unha certa flexibilización” das medidas restritivas acordadas polo comité clínico. Lembrou Sánchez Bugallo que dende o concello se está a traballar para que haxa Nadal. “Haberá Reis Magos, iluminación, mercados e mercadiños e diferentes actividades” porque “estamos necesitados de alegría e de ilusión”, iso si, “con prudencia e control”.
Financiamento da EDAR
O alcalde tamén se referiu á aprobación da proposta de convenio de financiamento da EDAR por parte do consello de administración de Acuaes, que “analizaremos a semana que vén”. O que está claro, lembrou Sánchez Bugallo , “é que a infraestrutura hai que facela e financiala” aínda que “o Concello non está en condicións de facerse cargo nin de atopar finaciamento polos seus propios medios”, pois só podería endebedarse o 0,1% do seu orzamento: “estaríamos a falar de algo máis de 2 millóns de euros e esta instalación pode superar os 60”.
Sánchez Bugallo comprometeuse a non deixar pasar a oportunidade de financiamento a través do Fondo de Reestruturación Europeo porque “é o último tren que vai pasar pola estación”. “Está falado co goberno central e hai dous proxectos seleccionados en Santiago, a EDAR e a estación de tren de alta velocidade”, e “no que do goberno municipal dependa non imos deixar que se desaproveite”. Congratulouse Sánchez Bugallo de que a depuradura estea recollida nos orzamentos xerais do Estado e lembrou que o importante en canto á contía é o que se propón no convenio: un 65% a cargo de fondos estais e europeos, e un 35% a cargo da Xunta e o Concello.
Pleno
No balance da semana, o rexedor tamén quixo salientar a importancia dos acordos adoptados o martes polo pleno da corporación: o inicio do procedemento de modificación do PXOM no relativo á regulación dos pisos turísiticos, “importante para manter un modelo de cidade destinada principalmente aos seus residentes”; e a aprobación do expediente que permitirá destinar o remanente de tesourería a, entre outras cousas, axudas directas aos sectores máis prexudicados pola pandemia. “Queremos sacar na primeira quincena de decembro” a convocatoria desta axudas “a través do procedemento máis simplificado posible, lembrou.
Escola de música
En canto á Escola de Música, o alcalde anunciou que o pago que o concello lle debe á empresa xestora do servizo (relativo a custos asumidos pola mesma durante a primeira vaga da pandemia) quedará resolto no día de hoxe e podería ir á Xunta de goberno do vindeiro luns.