Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades presenta ao alumnado do IES de Ponte Carreira o material da campaña do 25N: “Todo está na nosa man”


O material está baseado no traballo de Rubén Fariñas, alumno de 2º da ESO que gañou o “Concurso de logo e slogan” convocado en febreiro

O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, visitou o IES de Ponte Carreira para presentar o material que o Concello de Frades empregará este ano para a campaña do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Unha campaña que xira en torno ao slogan “Todo está na nosa man” e que leva como logotipo un debuxo realizado por Rubén Fariñas, alumnos de 2º da ESO, e que resultou gañador do “Concurso de logo e slogan” convocado en febreiro co gallo da conmemoración do Día da Muller.
Tal e como dicían as bases do concurso, o Concello de Frades empregou a proposta gañadora como base da campaña municipal do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, ademais de integrala na cultura urbana do municipio a través dun graffiti na parroquia de Abellá. Manuel Ferreiro presentoulles aos rapaces e rapazas de 2º da ESO o material que está repartindo estes días o Concello de Frades: camisetas, pegatinas e carteis co logotipo deseñado por Rubén Fariñas e mensaxes coma “Se sabes, non cales” ou “O longo da miña saia non che di si”. Uns carteis que van acompañados de teléfonos de contacto en materia de violencia machista: desde o 016 ata o CIM da Mancomunidade de Ordes, centros de saúde, Garda Civil…
Rock contra a violencia
Así mesmo, o Concello de Frades ten programado unha actuación a prol da igualdade e para conmemorar o 25 de Novembro. Trátase do espectáculo “Rockeamos todas con Pakolas”, que terá lugar o sábado 28 de novembro, ás 17:00 horas, no multiúsos de Frades.
Recomendado para un público familiar, a entrada é gratuíta, se ben é preciso reservar entrada chamando ao 981 695 567.
“Rockeamos todas con Pakolas” é un espectáculo musical onde as protagonistas son as mulleres e as nenas, que contan as súas historias de loita e superación a ritmo de rock. Unha divertida iniciativa musical que pretende concienciar da igualdade de xénero a todas as persoas que participen.