Saturday 16 de November de 2024

A Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo celebrou un ‘Videoforum pola Igualdade’


A sesión contou coa participación dunha quincena de persoas e centrouse na prevención da violencia de xénero
A Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo organizou, con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, un Videoforum pola Igualdade. Esta iniciativa desenvolveuse no local social de Lestedo e contou coa participación dunha quincena de persoas.
A sesión centrouse, segundo indican dende a organización, na temática da igualdade e na prevención contra a violencia de xénero creando un espazo de reflexión onde as participantes puideron compartir as súas experiencias. A través do visionado de diferentes vídeos, abordouse a violencia de xénero
dende unha perspectiva integral. Deste xeito, as mulleres asistentes tiveron a oportunidade de compartir experiencias e de debater sobre esta problemática.
O Videoforum pola Igualdade ofreceu, así, claves para a identificación da violencia de xénero nas súas diferentes formas. Falouse tamén sobre os micromachismos e as súas consecuencias, así como a importancia de desmontar os mitos que existen en torno a esta problemática. Finalmente, aportouse información sobre os distintos recursos de axuda dispoñibles para as mulleres vítimas de violencia machista.
Obradoiro de cestería
Por outra banda, a Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo está a desenvolver un obradoiro de cestería, cun total de 10 participantes, divididas en dúas quendas de 5. A través desta iniciativa, búscase o empoderamento das veciñas participantes creando un espazo de encontro e de intercambio de
experiencias. Esta actividade serve como base para, de xeito transversal, fomentar a concienciación sobre a importancia do papel das mulleres na creación dunha sociedade máis igualitaria.