Entrada de balde con reserva previa no 981 509 908
A sala municipal de exposicións de Brión acollerá mañá venres 20 de novembro, ás 18:00 horas, o contacontos “Unhas gafas como as do avó”, que porá en escena Caxoto Contacontos. Unha iniciativa que forma parte da programación do III Festival Brión Inclúe xa que se trata dun contacontos inclusivo: Caxoto Contacontos narrará en lingua oral a aventura, mentres que Gema Santos o irá interpretando en lingua de signos.
O espectáculo presenta a Laura, unha nena que un día sente curiosidade polas gafas do seu avó e se pregunta como se verá o mundo a través delas. O que comeza sendo unha pequena trasnada acabará convertida na maior das aventuras. A asistencia, como a calquera dos espectáculos do III Festival Brión Inclúe, é totalmente de balde, previa inscrición no teléfono 981 50 99 08 (de 9:00 a 14:00).
O III Festival Brión Inclúe pecharase o sábado 21 de novembro, ás 20:00 horas, no centro social polivalente co espectáculo “Arte-Homo-Natura”, da Compañía 5S, grupo multidisplinar de arte inclusivo, danza, teatro e música que leva participando no Brión Inclúe desde o seu inicio. Toda a programación do Brión Inclúe foi organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva Sociedade Cooperativa Galicia, subvencionada pola Deputación Provincial da Coruña e cofinanciada por GADIS e FROIZ.